"A liña trazada polo verso e a lírica é a que nos aproxima máis ao centro vital de Carballo Calero"

A escritora e crítica literaria Carmen Blanco só era unha cativa de ensino primario cando coñeceu a Ricardo Carballo Calero no Colexio Fingoi de Lugo, a institución educativa que o protagonista do Día das Letras Galegas dirixiu desde a súa fundación en 1950 ata 1965. O seu maxisterio, na lingua e na literatura mais tamén na vida, marcou desde moi nova a profesora de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, autora de Conversas con Carballo Calero (1989), título imprescindible para coñecer de preto o profesor e escritor. Aquel volume, xestado na primeira metade dos anos 80, regresa ás librarías cunha nova edición que permite descubrir o lado máis humano do intelectual e a súa concepción da lingua e da literatura. Pero para achegarse ao eu máis íntimo de don Ricardo, Carmen Blanco recomenda sen dúbida o goce da súa poesía, a faceta literaria coa que Ricardo Carballo Calero se sentiu máis identificado e, paradoxalmente, a máis descoñecida.

Carmen Blanco e Ricardo Carballo Calero na casa do Carril dos Loureiros (Lugo) en 1986. Autor: Eduardo Ochoa


O seu primeiro contacto con Ricardo Carballo Calero foi como alumna. Cales foron as leccións máis importantes que lle aprendeu?
Coñecino primeiro de nena pequena de ensino primario sendo el director. Fixen o exame de ingreso no ensino secundario escoitando unha conferencia súa sobre a vaca rubia galega que me encantara. E logo foi profesor meu de lingua en primeiro de bacharelato. O meu recordo del é inextinguible. El recoñeceu en min a nena distinta e especial que eu era e fíxomo saber daquela. Había entre nós puntos de unión derivados no meu caso dunha orixe familiar progresista contraria á ditadura: os meus avós padeceran e padecían a represión de maneira directa e o meu avó materno fora tenente do exército da República. Na convivencia no Colexio e nas clases ensinoume a amar e coñecer o que tiña máis preto; a falar e a pensar con intelixencia; a imaxinar, inventar e crear; a xogar e divertirme, a rir e ser seria e traballadora; a redactar, a recitar e a escribir; a entender a ironía, o humor e a retranca; a gramática e a comprender os seres humanos. Na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela foi tamén profesor meu. Entre as súas mellores leccións lembro por enriba de todo a de recoñecer libremente as obras ben feitas máis alá dos intereses impostos; a importancia dos libros: velos, tocalos, telos, formar unha biblioteca persoal básica con dicionarios e obras de importancia histórica fundamental; o respecto á independencia persoal e o compromiso solidario; o malo que era para a saúde fumar nas aulas, como se facía daquela... Era un profesor excelente: explicaba con claridade as cousas máis complexas. En todo isto tratei de seguilo, co meu propio estilo, como a profesora que son.


Carmen Blanco e o seu irmán Ramón no Colexio Fingoi, no curso 1962-1963


'Conversas con Carballo Calero' (1989) acaba de ser reeditado. Aquel foi o seu primeiro libro. É casualidade que fose así ou quixo que fose don Ricardo o protagonista do seu debut editorial? De ser así, por que?
Este foi o meu primeiro libro por casualidade. Foi un encargo persoal de Carlos Casares para a Editorial Galaxia e formaba parte dun proxecto de conversas de escritores máis ou menos novos con personalidades maiores e consagradas das letras. O proxecto xeral quedou reducido ao libro que Carlos lle fixo a Ánxel Fole e o que eu lle fixen a Carballo. A publicación concreta do meu libro a el dedicado tardou en editarse, por atrancos alleos á miña persoa e á de Casares, mais publicouse antes que unha obra dedicada á creación das mulleres para a que eu viña investigando e escribindo con anterioridade á realización das conversas. E, de feito, publicaríase despois, en 1991, o que sería o primeiro libro meu deste tema: Literatura galega da muller. Mesmo tivera unha solicitude editorial anterior á do libro de Conversas con Carballo Calero, en concreto por parte de Xesús Alonso Montero, dunha historia da literatura das mulleres en lingua galega para publicar en Akal, tamén dentro dun proxecto máis amplo que logo non se realizou e ao cal Isaac Díaz Pardo, como a tantas cousas, nalgún caso acabaría dando amparo en Ediciós do Castro.

A nova edición do libro de conversas de
Carmen con Ricardo Carballo Calero

A derradeira conversa persoal, xa como amiga fraternal de Ricardo Carballo Calero, foi no sanatorio La Rosaleda pouco antes da súa morte. Foi a última vez que nos vimos. Preguntoume que estaba escribindo e díxenlle que sobre as escritoras galegas desde unha perspectiva feminista. Teño as breves e últimas palabras que me dixo na memoria.

Tiña claro, cando mantivo máis de trinta horas de conversa con el entre os anos 83 e 84, a estrutura do libro? No limiar da nova edición fala do encargo das conversas en relación coa memoria antifascista. Custáballe a Ricardo Carballo Calero falar dos anos de represión? Como pensa que o marcaron?
Si. Antes de comezar as conversas pensei o proxecto xeral do libro co obxecto de dar unha visión profunda, á vez pormenorizada e de conxunto, da complexa e diversificada personalidade de Carballo. O índice reflicte con coherencia, harmonizada á do propio entrevistado, a riqueza e o interese histórico, literario e cultural da súa traxectoria vital, para poder comprender non só o pasado senón o noso presente e poder melloralo: Vida, Política... No limiar á nova edición deixo constancia de algo que considero imprescindible para esta mellora humana, e que está na orixe do libro e tamén no pequeno detalle da súa dedicatoria a meu pai, Ramón Blanco, e ao meu home, Claudio Rodríguez Fer: a solidariedade e a lealdade nas súas dimensións persoal e colectiva. Eu aceptei o encargo primeiro, ao igual que este da edición renovada de trinta anos despois, por solidariedade e lealdade antifascista, con absoluta liberdade de criterio, pois ambas as aceptacións supuñan un grande esforzo para min por ser tarefas difíciles de executar con dignidade e respecto profundos. No proxecto primeiro da colección de Galaxia había unha solidariedade implícita deste tipo tamén, mais as urxentes circunstancias reais político-ideolóxicas impediron que prosperase a colección, como dixen.

Durante a gravación das conversas de 1983 e 1984 mostrouse comigo extremadamente respectuoso, correcto e pudoroso á hora de expresarse e especialmente á hora de mostrar "Cando lle preguntei polo levantamento militar de 1936 e a guerra díxome claramente que non quería falar disto. Apaguei a gravadora e falamos ata que o convencín da importancia de facer memoria do tema con profundo coñecemento de causa"a dor. Cando lle preguntei polo levantamento militar de 1936 e a guerra díxome claramente que non quería falar disto. Apaguei a gravadora e falamos ata que o convencín da importancia de facer memoria do tema con profundo coñecemento de causa. A experiencia da súa vida curtida na durísima actividade da defensa da República coas armas e da derrota, da represión da guerra e da ditadura marcou a súa traxectoria vital. Obrigouno a realizar uns esforzos extraordinarios e provocou nel a crise da súa brillante vocación política primeira e a súa concentración na devoción investigadora universitaria e a vocación creativa. El foi miliciano do batallón da FETE-UGT Féliz Bárzana, como Raimundo García Domínguez Borobó, e tenente do exército republicano; foi home de letras e armas contra o fascismo, como o poeta Lorenzo Varela ou o artista Eugenio Granell, mais non se exiliou coma eles, padeceu cárcere en Andalucía e exilio interior en Galicia, onde quedaran en 1936 a súa muller, a profesora de historia María Ignacia Ramos, María Silgar, e a filla maior, Margarita, Magalí, que nace á par do levantamento do 36 estando el en Madrid co obxecto de facer oposicións para ser profesor de literatura de ensino medio.

Neste limiar di tamén que segue a concordar con esta obra, pero que a faría doutro xeito. Como? Formularíalle hoxe a Carballo Calero algunha pregunta que non lle fixo naquelas trinta horas de conversa con el?
Concordo no esencial e no conxunto. Evidentemente hoxe sei máis. Faríalle as mesmas preguntas mais doutra forma nalgún caso. Non engadiría ningunha pregunta nova. O libro está ben así. Si lle tería feito máis preguntas sobre outras persoas de relevancia histórica e cultural que daquela eu non coñecía ou non coñecía tan ben. Nas conversas gravadas entón hai unha serie de diálogos que quedaron fóra deste libro, por razóns de coherencia e extensión, pero que deron lugar a outro, Carballo Calero: política e cultura, publicado por Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro en 1991. Nestoutro libro recóllese unha "Memoria galeguista" e unha testemuña do "Esquerdismo e vangardismo" dos tempos da xuventude de Carballo. Tamén se exhuma nel o seu ensaio En torno a las ideas comunistas de Platón de 1929, mostra xuvenil do platonismo filosófico tan característico do pensamento e da creación do autor.

Moito do máis interesante do falado, cando fomos tendo confianza, non foi gravado. Nestes diálogos socráticos foi nos que máis aprendín, pero son leccións que pertencen á vida privada das persoas e á visión del sobre elas, non son para facer públicas máis que en abstracto, por respecto a elas e por respecto ao contexto privado no que mas dixo. Por outra parte, con respecto ás preguntas e á educación, quero dicir que hai cousas que non se preguntan; hai que sabelas e sería mellor non dicilas para que non se repitan; e aínda mellor sería que non tivesen sido.

As achegas de Carballo Calero máis coñecidas son seguramente as centradas no estudo da literatura galega, as súas ideas sobre a lingua galega e o seu papel como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega. Pero don Ricardo tamén foi creador. Invisibilizou este papel, en certo modo, o Ricardo Carballo creador literario?
Si. É o máis coñecido e é moi importante ese labor seu de filólogo. A súa contribución á historia e á crítica da literatura galega no panorama da literatura xeral e comparada supón unha aportación científica fundamental e situou en calidade a disciplina á par do estudo doutras literaturas con máis longa tradición no mundo universitario. A súa achega á lingüística iberorrománica, especialmente ás variedades e aos límites entre as linguas ibéricas coas súas proxeccións universais, e aos estudos da lingua galega, particularmente á gramática e á glotopolítica, foron fundacionais tamén no panorama universitario e tiveron unha gran transcendencia cultural na Ditadura e na institucionalización da Democracia. Pero Carballo é algo máis: un polígrafo e un sabio en moitas materias, un polímata, como o definiu Darío Villanueva.

" A súa obra creativa de conxunto é esteticamente ecléctica, clásica e de vangarda simbiótica, cun humanismo existencial confluente"

Si. Non se viu ben a súa creación. Mais a súa longa traxectoria creativa de setenta anos é visible para quen vexa ben e abrangue todos os xéneros, é a súa vocación primeira, especialmente a de poeta que é como se definía el dicindo "Poeta és, pois dá-che nojo todo / agás a poesia". A esta vocación creativa foi á que se dedicou máis intensamente despois da xubilación. A súa obra creativa de conxunto é esteticamente ecléctica, clásica e de vangarda simbiótica, cun humanismo existencial confluente proxectado nas direccións Excalibur (filosófica), Venusberg (erótica) e Avalón (social), e fixo historia con pezas en todos os xéneros, incluídos os magníficos "ensaios" científicos como o que lle dedica ao "estilo fluvial" de Otero Pedrayo na Historia da literatura galega contemporánea. A súa narrativa, o seu teatro, a súa poesía e os seus ensaios cómpre lelos e relelos por pracer de ler e coñecer. As novelas A xente da Barreira ou Scórpio; as súas recompilacións poéticas e teatrais Pretérito imperfeito ou Futuro condicional e Teatro completo; os seus magníficos e innúmeros libros de ensaios, desde Sete poetas galegos de 1955 ata Estudos rosalianos de 1979 ou Escritos sobre Castelao de 1989, pasando por Da fala e da escrita de 1983, por exemplo.

Como creador, Carballo Calero dixo de si mesmo que nunca se guiou por modas. Puido influír iso tamén nunha menor difusión da súa obra literaria en cada etapa vital?
Si. No libro Conversas con Carballo Calero dialogamos moito arredor dese tema das imposicións e imposturas das modas opresivas, da falsidade, non só na literatura senón en todos os demais ámbitos. Tiña uns criterios moi claros, firmes e fortes que o guiaban neste sentido e na súa obra denuncia a inautenticidade con ironía e humor moitas veces: "Somos os pacifistas, / que andamos dando guerra.// Somos as feministas, / que vestimos de home. // Somos os poetas eróticos, / impotentes no tálamo nupcial. // Somos os sacerdotes, / que nom cremos en Deus. // Somos os comunistas, / mui zelosos da nossa propiedade privada." Quen coñeza ben a Carballo coñece unha característica básica da súa personalidade, a independencia e a soidade radical. Esta característica convive co seu compromiso solidario e defíneo por enriba de todo como un ser "independente", como sinalou Claudio Rodríguez Fer.


Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer na biblioteca de Ricardo Carballo Calero, no Parlamento de Galicia. Autor: Aser Álvarez


Que nos di a obra literaria do home que a escribiu? Ata que punto marca a súa traxectoria vital a creación literaria?
A súa personalidade máis auténtica e profunda está gardada no conxunto da súa obra literaria. Ao lela coñecemos o home que a escribiu mellor aínda que nos datos biográficos. A liña trazada polo verso e a lírica é a que nos aproxima máis ao seu centro vital, aínda que utilice máscara estética. Nas recompilacións dos últimos anos el mesmo marcou as súas tres grandes etapas vitais cos libros de certeiros títulos metalingüísticos Pretérito imperfecto, Futuro condicional e Reticências... Sinalou tamén o que perdera coa poesía en castelán escrita arredor dos horrores derivados da guerra, que deixou preparada para ser publicada despois de morto, Poesía perdida, que editou Claudio Rodríguez Fer. E gardou con agarimo a súa musa popular menor oprimida dos duros anos corenta para desexarlle sorte con O trebo das catro follas, que eu din a coñecer: "Compostela do desterro, / vila arelada e prohibida. / A miña alma e a túa pedra / son noivos pra toda a vida." E aí en Compostela descansa hoxe o seu corpo.

'Scórpio' é un título que gozou de grande éxito entre o público, pero el reivindicouse, como xa dixo vostede, sempre como poeta, a faceta quizais hoxe máis descoñecida para gran parte do público. Que destacaría da súa poesía en particular e da súa literatura en xeral para animar a mocidade a coñecela?
Scórpio está entre as súas obras maiores de creación, é unha peza testamentaria dos últimos anos na que nos deixou o legado do seu coñecemento do ser humano e da vida, a partir da súa inspiración biográfica levada á ficción cunha técnica polifónica de magnífica construción estética. Todo o seu saber sobre as mulleres e os homes, o amor e a morte, a creación, a historia e a sociedade de Galicia, España e o mundo está nela concentrado. A mocidade máis culta e comprometida ten aquí unha obra excelente para facer unha boa lectura crítica. Nela integra a súa múltiple personalidade creativa nos personaxes dos escritores en verso Scórpio, Sagitário e Barreiro e do prosista Salgueiro. Estes mozos que traballan activamente por ideais que melloren a vida mentres estudan, aman e soñan ao redor dunha diversidade social na que as mulleres son un dos seus intereses básicos. Porque o autor da obra sitúa as mulleres entre as súas tres musas de inspiración básicas, a musa filosófica Excalibur, a musa amorosa Venusberg e a musa política Avalón. Léndoo pódese aprender moito do seu progresismo intelixente para combater a estupidez da superficialidade e da falsidade oculta no eufemismo censor do politicamente correcto : "Calquer lugar é bom para morrer. / Nom se distingue o home da mulher. / A morte é neutra -das Tod- em alemám. / Género e sexo nom sempre vam da man. / Pois umha cousa é a anatomia / e outra a gramática -falaz dicotomia. / Nom vejo a morte feminista ser. / Calquer lugar é bom para morrer".

A súa poesía amatoria pode ser un bo comezo: "Vem-te comigo ao bosque de Morois / longe de Tintagel , de Marc e dos anaos, / do ordálio e da mentira de Brangánia; // E seremos felices os dous sós, / longe de Irlanda e Cornualhes", "As horas, cos pés ligeiros, tecem / a sua dança que te envolve, viva", "Um novo cosmos rebentará do caos".

Como lectora, cal é o Carballo Calero que lle gusta máis? Que obra convidaría a descubrir en primeiro lugar?
O Carballo que máis me gusta é o poeta. Gústame o título do seu libro Poemas pendurados dun cabelo de 1952 ou estes magníficos versos de amor: "Auga e carbono é o teu corpo, sal / precipitado en pousos na tua vida. / Comungo a tua forma corporal, / que a inextinguível sede me convida. // (...) Se á tua química orgánica me aferro, / mecánica do lume e do suspiro, / som aluno de física integral. // No cárcere sem luz do meu desterro, / no ar desenxabido que respiro, / água e carbono é o teu corpo, sal.".

A obra que convidaría a descubrir en primeiro lugar dependería de para que persoa fose, obras clásicas como a novela A xente da Barreira ou o relato "O lar de Clara" poden ser lecturas para unha maioría ampla. A peza teatral "Os xefes" é unha boa lección política e existencial.

As súas obras últimas de aparición póstuma conteñen sabedoría máxima. Así ocorre en moitos dos poemas de Reticências... (1990) como nesta expresión do desexo de amor inmortal: "Se os anjos tenhem nomes / e Miguel nom é o mesmo que Gabriel / ou Rafael, e nos celestes coros / timbres de voz distintos / se ouvem na melodia fraternal, / nom acharei -transfigurado- o rostro / de quen amei na terra? / (...) / Nom te amarei entom, nom me amarás / com um amor de meu, de teu, igual / que o que no mundo nos uniu? Que assi / seja confio, e que nom morra ali / o único que aqui foi imortal.".

E na recompilación de artigos Umha voz na Galiza (1992), que van da "Lembranza de Ulises morto" de 1933 a "Outramente Barthes" de 1989 e que antes de morrer me entregou para que lles fixese a "Presentación" que xa non puido ler, "mantén viva" a voz na Galiza. O canto e o cantar fondo e grave de vivir: "Io canto per me sola, Je chante pour moi-meme". "Carmen, Carmen, cantas para ti sola, modo único de cantar para todos".

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete