Letras Galegas 2026

Ano 2026

Begoña Caamaño

1/33

Biografía

Begoña Caamaño. Definitivamente utópica, radicalmente vital

Por Ana Romaní

As preguntas impulsan o proxecto literario de Begoña Caamaño, enfían unha traxectoria tecida de xenerosas complicidades e implicacións colectivas. Definitivamente utópica, radicalmente vital. Atenta lectora da realidade, audaz nas súas formulacións, vibrante no debate, sutil e delicada nas relacións persoais, a súa é unha biografía movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e entregada determinación.

Tribuna

A luz e a voz de Begoña Caamaño

Henrique Monteagudo

A celebración das Letras Galegas do ano que acaba de alborexar conmemorará a figura e a obra da escritora, xornalista e activista Begoña Caamaño. Nada en Vigo en 1964, revelouse como narradora tardiamente, aos seus corenta e cinco anos, cunha novela, Circe ou o pracer azul (2009), que abraiou o público e a crítica pola súa coruscante orixinalidade, a súa cativadora escrita e a súa sobranceira calidade literaria. Ata entón, a autora era recoñecida pola súa intensa carreira profesional como xornalista, especialmente nos medios radiofónicos e singularmente na Radio Galega, onde desenvolveu o seu labor desde 1989. Cidadá comprometida, o seu perfil viñera definido pola militancia sindical e a implicación no movemento feminista. Involucrada en diversas mobilizacións sociais, salientaba pola súa denuncia da manipulación informativa nos medios públicos.