A Academia celebra o maxisterio de Antonio Fraguas na procura da memoria colectiva

"Estamos na carballeira de Famelga, que é como dicir que estamos no corazón primeiro das cousas, porque aquí, nesa casiña baixo os carballos, estaba a escola onde o neno Fraguas, guiado por un mestre que se chamaba coma el, descubriu as primeiras razóns do mundo, as primeiras chispas da curiosidade polo coñecemento, que habían de marcar toda a súa vida". O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentou con estas palabras o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas, unha xornada de recoñecemento do labor de todos os mestres e mestras que, como logo faría el mesmo, "puxeron as pedras do futuro". Pero coa celebración da figura de Antonio Fraguas e a contorna elixida, na súa terra natal, a Academia quixo sobre todo reivindicar as raíces da lingua e da cultura galegas. "O noso idioma é froito da lealdade durante séculos da xente do común das aldeas e das vilas mariñeiras, que o mantivo vivo mentres permanecía afastado da chamada alta cultura", salientou o presidente. O propio Antonio Fraguas medrou nese mundo, do que sempre se sentiu parte, e contribuíu a dignificalo a través dunha extensa obra na que salienta o seu perfil como etnógrafo.

O acto concluíu coa interpretación do Himno da man de integrantes da banda de gaitas e percusión Foula de Cerdedo-Cotobade. Fonte: RAG


Víctor F. Freixanes presidiu a sesión, un pleno público ao que asistiron numerosos representantes da vida cultural, social e política e a veciñanza de Cerdedo-Cotobade que quixeron sumarse á celebración da Academia. O acto contou con tres achegas arredor da vida e obra do homenaxeado a cargo do académico correspondente Clodio González Pérez, quen trazou un percorrido pola súa biografía; a académica de número Fina Casalderrey, que profundou no labor docente deste "mestre de mestres"; e o académico de número Francisco Díaz-Fierros, cunha análise da paisaxe na obra de Fraguas, quen tamén foi membro de número da institución. A sesión concluíu coa interpretación do Himno por parte de integrantes da banda de gaitas e percusión Foula de Cerdedo-Cotobade.


Pola esquerda, Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros intervindo no pleno dedicado a Antonio Fraguas. Fonte: RAG


A mañá arrincou coa descuberta dunha placa conmemorativa na fachada da vella escola de Famelga onde Fraguas coñeceu o seu primeiro gran mestre. Pero esta non foi a única persoa que marcaría a infancia en Cotobade e o futuro de Antonio Fraguas. Quen espertara nel a curiosidade polos contos, as lendas, os refráns, as cantigas ou as crenzas populares que logo estudaría foi mamá Antonia, unha muller analfabeta que vivía coa súa familia na aldea próxima de Insuela, na parroquia de Loureiro. Os dous transitaron hoxe polos discursos académicos xunto a outros personaxes que acompañaron a Antonio Fraguas en momentos fundamentais tanto da súa vida como da historia da Galicia do século XX: desde os tempos no instituto de Pontevedra, onde foi un dos alumnos promotores da Sociedade da Lingua, e a súa posterior participación nas Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos, xunto a mestres como Castelao, Losada Diéguez e Otero Pedrayo, ata a creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente.

O Fraguas etnógrafo "fuxiu das teorías e centrou os esforzos no traballo de campo, na urxencia da recollida dun patrimonio inmaterial que se esvaía", salientou Fina Casalderrey. Foi un "explorador do mundo rural", un "Indiana Jones das corredoiras que loitou contra o esquecemento" e foi quen de recompoñer a historia "cos pequenos tesouros que foi atopando, coma quen explora a cara oculta da Lúa, convencido de que tamén nela hai luz: a luz da memoria colectiva", comparou.

A académica de número interveu tras o percorrido que trazou o académico correspondente Clodio González polos fitos "decisivos no desenvolvemento do seu pensamento e do seu labor como intelectual", desde a infancia en Cotobade ata a etapa á fronte do Museo do Pobo Galego. Unha traxectoria que pode resumirse nas palabras coas que o propio Fraguas facía balance pouco antes do seu pasamento e que foron elixidas polo académico correspondente para pechar a súa alocución sobre o protagonista do 17 de maio: "Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nada a cambio".

O académico de número Francisco Díaz-Fierros detívose noutra das facetas do polifacético Fraguas, a de xeógrafo, e abordou os sentimentos da paisaxe nos escritos que deixou nunha materia na que foi seguidor de Ramón Otero Pedrayo pero cunha personalidade propia na que, de novo, deixou pegada a cultura popular. "Se hai algo que distingue as súas descricións paisaxeiras dos vales e ribeiras galegos son as ilustracións literarias que normalmente as acompañan e que Fraguas recolle do cancioneiro popular ou dos poetas máis intimamente identificados co mundo campesiño, como Noriega. Neste senso, amósase de total actualidade, pois hoxe todos os atlas ou catálogos das paisaxes, seguindo as recomendacións do Convenio Europeo, levan sempre ao par das descricións xeográficas as pegadas que a súa percepción estética deixou na literatura ou na pintura", analizou.

 

Galería de fotos do pleno do Día das Letras Galegas de Antonio Fraguas
Sitio de Antonio Fraguas en academia.gal
Primavera das Letras de Antonio Fraguas
Contidos especiais do Día das Letras Galegas do Portal das Palabras

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén
Venres 27 de decembro de 2019 / 20:00 h
Charla da campaña Toponimízate - Vilalba

Novas da Academia

Subscríbete