-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería DLG
No período que nos atinxe, vinte foron as convocatorias que se celebraron cada 17 de maio: vinte figuras homenaxeadas durante vinte anos, ao longo dos que a celebración se transformou, medrou e se consolidou para aproximarse á festa xenesíaca que imaxinara Francisco Fernández del Riego. Foi a ocasión de enaltecer a obra daqueles que foron pezas fundamentais do proxecto da Real Academia Galega e trabes da cultura galega en momentos de negación: Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Rafael Dieste, Luís Seoane...
A onda expansiva da festa das Letras, comandada pola Real Academia, atravesou a sociedade galega en todas as súas capas e matices, e reflectiuse en manifestacións tan diversas que ano tras ano supuxeron un debate sobre a vixencia e protección da lingua e da cultura galegas.
17 de maio de 1978 na Coruña. Real Academia Galega. Arquivo
O 17 de maio de 1978 amañeceu coa resaca do debate da Comisión Constitucional do Congreso, celebrado o día anterior, que aprobaba definitivamente a oficialidade do castelán como lingua do Estado fronte a posturas que reclamaban un recoñecemento explícito, amplo e igualitario da pluralidade lingüística. A Real Academia homenaxeou ese ano a narrativa de Antonio López Ferreiro nun Santiago ateigado de postos de libros.
El Ideal Gallego. 17/V/1978. Real Academia Galega. Arquivo
En 1979 Rafael Dieste disertou en Rianxo sobre Manuel Antonio, mentres no Museo do Pobo Galego, a Federación de Libreiros de Galicia celebraba a exposición O libro galego onte e hoxe. O ano seguinte o profesor Carvalho Calero reivindicou as Cantigas galegas do rei Afonso X, que puideron escoitarse na rúa Tabernas interpretadas por Ramiro Cartelle e María Teresa del Castillo.
Celebración do 17 de maio de 1979 en Rianxo; os asistentes cantan o himno galego diante do monumento a Manuel Antonio. Real Academia Galega. Arquivo
Ricardo Carvalho Calero intervén no plenario extraordinario das Letras Galegas de 1980. Real Academia Galega. Arquivo
Xaquín Lourenzo e Carlos Casares analizaron a personalidade e a obra de Vicente Risco nun plenario presidido por Rafael Dieste e Marino Dónega celebrado en Ourense o 17 de maio de 1981. Un día despois entraba en vigor o Estatuto de Autonomía de Galicia.
Hoja del Lunes, 18/V/1981. Real Academia Galega. Arquivo
As rúas de Mondoñedo enchéronse con medio millar de estudantes que se desprazaron o 17 de maio de 1983 desde Lugo para asistir aos actos das Letras Galegas dedicados a Manuel Leiras Pulpeiro. Nesa xornada, tras o plenario da Academia, proxectouse un documental sobre o poeta, realizado polo Obradoiro Galego de Creación Audiovisual. Pola súa parte, a Xunta de Galicia publicaba nese día as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, de ensino obrigatorio en todos os centro escolares de Galicia, xunto co decreto de normativización do idioma galego, aprobado o 17 de novembro de 1982.
Cuberta e páxina interior de Normativización da lingua galega.
En 1987 A Coruña acolleu as múltiples manifestacións do que se fora convertendo a festividade das Letras Galegas no decorrer dos anos: na cidade vella, a Academia descubría unha placa no predio que habitou Francisca Herrera Garrido, homenaxeada ese ano, e posteriormente celebraba no pazo municipal a súa sesión plenaria extraordinaria. Diversas entidades civís celebraban actos culturais nas rúas da cidade, como as xa tradicionais feiras do libro galego. Atravesaba o corazón da cidade a manifestación convocada por unha nova organización cívica, A Mesa pola Normalización Lingüística, con Manuel María, daquela académico correspondente, na cabeceira.
Actos do 17 de maio de 1987 na cidade da Coruña. Real Academia Galega. Arquivo
No ano do centenario do seu nacemento, a Academia convocou no pazo de Trasalba a memoria do seu señor, aquel do que neste ano celebramos o cincuenta cabodano. 1988 foi Ano Oteriano, no que o Consello da Cultura Galega celebrou cinco simposios e a Editorial Galaxia deu ao prelo as obras completas do escritor ourensán, entre outras moitas conmemoracións. A Fundación Otero Pedrayo concedeu ese ano o Premio Trasalba a Francisco Fernández del Riego, quen interveu o 17 de maio xunto a Francisco Río Barxa e a Constantino García.
Cartel conmemorativo editado pola libraría Couceiro (1988). Real Academia Galega. Museo
1989 foi o ano de Celso Emilio Ferreiro e tamén a primeira vez en que o presidente da Xunta de Galicia encabezou os actos de homenaxe do 17 de maio. Se por unha parte os xornais indicaban que a “Galicia oficial” conmemoraba a poesía de quen fora perseguido no seu tempo, outras voces denunciaban como a celebración valía para disimular a falta de iniciativa política na protección do noso idioma. En 1989 a Consellería de Educación ditou unha orde para que en todos os centros educativos se dedicase cando menos unha lección ou conferencia a Celso Emilio Ferreiro. En Celanova, o 17 de maio, as bandas de música tocaron a alborada polas rúas para anunciar a inauguración dun busto de Celso Emilio realizado polo escultor Acisclo Manzano e sufragado por subscrición popular. No claustro de San Rosendo, unha vez máis, reuniuse o plenario da Academia.
Inauguración do monumento a Celso Emilio Ferreiro (17/V/1989). Real Academia Galega. Arquivo
Mondoñedo foi a cerna das celebracións da primeira xornada do 17 de maio como festivo autonómico. Nese ano dedicado a Álvaro Cunqueiro a praza da Fonte Vella ateigouse de persoas que asistiron á descuberta dunha placa na casa natal do escritor. Xosé Filgueira Valverde, Francisco Fernández del Riego e Constantino García foron os encargados das alocucións nun plenario extraordinario caracterizado pola novidosa presenza do presidente da Xunta de Galicia ocupando unha posición central. A Xove Orquestra de Galicia puxo o ramo da xornada cun concerto na catedral.
Actos do 17 de maio de 1991 en Mondoñedo. Real Academia Galega. Arquivo
Carlos Casares foi o editor do opúsculo publicado en 1992 que recollía unha escolma poética e un bosquexo biográfico de Fermín Bouza Brey. Casares tamén fora o responsable de editar os dedicados a Ramón Otero Pedrayo en 1988 e a Francisca Herrera Garrido no ano anterior, e aínda o sería en 1997 no ano de Ánxel Fole. Dende 1964 e ata 1999 a Real Academia Galega editou anualmente pequenos traballos biográficos e antoloxías da obra da figura homenaxeada nas Letras Galegas. Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández del Riego, Xosé María Álvarez Blázquez, Marino Dónega, Eduardo Moreiras Collazo ou Isidoro Millán González-Pardo foron os responsables destas edicións.
Cuberta e páxina interior de Fermín Bouza Brey (1992). Real Academia Galega
Arredor de mil persoas asistiron o 17 de maio de 1994 á inauguración en Oleiros do monumento aos emigrantes e exiliados deseñado por Luís Seoane —a figura homenaxeada ese ano— e materializado por José Francisco Escudero. Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Cesáreo Sánchez acompañaron a Maruxa Fernández na inauguración. Posteriormente Del Riego interveu na sesión plenaria xunto a Marino Dónega e a Xesús Alonso Montero.
Actos da celebración do 17 de maio de 1994, dedicado a Luís Seoane. Real Academia Galega. Arquivo
Rafael Dieste foi o terceiro exiliado ao que a Real Academia homenaxeou en anos consecutivos, tras Eduardo Blanco Amor e Luís Seoane. O pleno da Academia desprazouse ese ano a Rianxo no Castromil bautizado nese mesmo día co nome do escritor, e alí celebrou os tradicionais actos de ofrenda floral, inauguración dun monumento e plenario académico. Nese ano celebrouse un congreso dirixido por Xosé Luís Axeitos no que durante tres días se debullaron as facetas de Dieste como poeta, narrador, autor teatral e xornalista.
A celebración de simposios anuais dedicados á figura homenaxeada nas Letras comezou a finais da década de 1980. Se nestes momentos eran organizados a través da Consellería de Cultura e Educación, posteriormente foi a Real Academia Galega a que pasou a facerse cargo.
Retrato de Rafael Dieste, por Isaac Díaz Pardo (1962). Real Academia Galega. Museo


