-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Presidentes
Intelectual comprometido coa loita pola democracia e coa cultura galega, o filólogo, investigador, docente e escritor Xesús Alonso Montero foi un pioneiro dos estudos sociolingüísticos sobre o galego, denunciando a súa situación de exclusión social e reivindicando medidas para a súa recuperación. A súa ampla produción ensaística, caracterizada por unha fonda erudición, abrangue tamén a literatura galega e española, o exilio, a represión franquista e a memoria republicana.
Durante a súa presidencia, a Academia proseguiu co seu labor de promoción da lingua e da cultura galegas, así como coa organización de actividades académicas, publicacións e homenaxes a figuras destacadas das letras galegas.
Un dos proxectos máis relevantes desta xeira foi a creación do Portal das Palabras, desenvolvido pola Academia da man da Fundación Barrié e presentado en xuño de 2013. Esta iniciativa ten como finalidade divulgar o traballo lexicográfico da Academia e achegar recursos lúdicos e didácticos sobre a lingua tanto para o público xeral e escolar.
En 2016, a Academia conmemorou o centenario das Irmandades da Fala cun ambicioso programa que incluíu actuacións musicais —como a do coro Cántigas da Terra da imaxe—, actos literarios, unha exposición itinerante e a recuperación de fondos documentais, ademais dunha colección editorial.
Outra iniciativa destacada que naceu neste período é Primavera das Letras, un espazo na Rede que dende 2016 fornece o público infantil de recursos divulgativos arredor da figura protagonista do Día das Letras Galegas. A proposta aposta desde 2022 por textos de autoras e autores da literatura contemporánea en diálogo coa ollada plástica de profesionais da ilustración.
En 2016 presentouse Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, elaborado por un equipo do Seminario de Onomástica da Academia dirixido por Ana Isabel Boullón Agrelo. A publicación recolleu arredor de mil cincocentos apelidos, así como orientacións para a súa adaptación á normativa galega.
Na imaxe, Ana Boullón, autora da guía.
No eido da investigación e recuperación do patrimonio lingüístico, cómpre salientar Terra Nomeada, unha colección impulsada pola Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica para estudar e divulgar os nomes galegos de lugar.
Na imaxe, Fernando Cabeza Quiles, autor de varios volumes.
Escritor, editor, xornalista, profesor e doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela Víctor Fernández Freixanes, foi director de Edicións Xerais e de Galaxia (2002-2016), así como codirector da revista Grial. Como narrador, publicou obras destacadas como O triángulo inscrito na circunferencia, A cidade dos césares e Cabalo de ouros, polas que recibiu diversos premios literarios. Presidiu a RAG entre abril de 2017 e marzo de 2025.
Durante a súa presidencia, Freixanes continuou o labor en defensa e promoción da lingua e da cultura galega da etapa anterior, reforzando o traballo nas Seccións de Onomástica e Sociolingüística, e a comunicación coa sociedade a través dos medios dixitais.
No eido da onomástica, a Real Academia Galega impulsou iniciativas como a Guía de nomes galegos e a Guía de apelidos galegos, destinadas a difundir na Rede as formas propias dos nomes e apelidos en galego e favorecer a súa recuperación. Outra empresa destacada é Galicia Nomeada, un proxecto colaborativo orientado a recoller, conservar e difundir, mediante a participación da cidadanía, o rico acervo da microtoponimia galega. Por último, a publicación do Nomenclátor de Galicia 2026 púxolle o ramo a un longo traballo de revisión dos nosos nomes de lugar.
O traballo sociolingüístico acadou unha gran relevancia durante esta xeira. Destaca o labor desenvolvido polo Seminario de Sociolingüística da man do Concello de Ames, que se materializou no Mapa sociolingüístico escolar de Ames, unha descrición dos usos lingüísticos da comunidade escolar deste municipio. Os resultados do estudo serviron de base para formular propostas de intervención e promover iniciativas de dinamización lingüística, artelladas arredor do proxecto Modo Galego, actívao!
Na imaxe, presentación de Modo Galego, actívao!
Na defensa da lingua, baixo a presidencia de Víctor Freixanes a Academia impulsou, por vez primeira, unha declaración conxunta coa Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans para defender o plurilingüismo e a presenza das linguas propias na educación e na sociedade. Así mesmo, en 2022, o Pleno da Real Academia Galega reivindicou nun informe a galeguidade das falas da zona comprendida entre os ríos Eo e Navia. Por último, en 2024, a RAG facía pública unha declaración na que alertaba sobre a situación do galego, e reclamaba un pacto pola lingua.
A aposta pola presenza do galego no mundo dixital materializouse na renovación da páxina web institucional e en iniciativas como o Concurso de microrrelatos, creado en 2018 da man de PuntoGal. Cómpre destacar neste eido as producións documentais sobre as figuras das Letras Galegas, en forma de serie web nas edicións dea Xela Arias, Florencio Delgado Gurriarán, Francisco Fernández del Riego e Luísa Villalta; e de película documental nas Letras Begoña Caamaño.
Durante a presidencia de Freixanes continuaron os proxectos destinados a recuperar e difundir a obra de figuras senlleiras da cultura galega. É o caso dos actos conmemorativos do centenario de Manuel Murguía ou da web dedicada ao músico Marcial del Adalid, que permitiu divulgar as súas partituras e o seu legado conservado pola propia Academia.


