-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Ferramentas
A Guía de apelidos galegos presentouse en xaneiro de 2025 como unha ampliación e revisión do manual Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización (2016). O novo recurso dixital —coordinado por Ana Isabel Boullón e elaborado polo Seminario de Onomástica— facilita o coñecemento das formas propias dos apelidos galegos e a recuperación das que foron deturpadas ao longo da historia.
A guía considera os apelidos como un patrimonio individual e colectivo, xa que permiten identificar as familias e conservan información sobre a historia, a lingua e a sociedade galega.
Con máis de mil cincocentas entradas, a Guía de nomes galegos —elaborada polo Seminario de Onomástica e coordinada por Ana Isabel Boullón Agrelo— presentouse en liña en 2022. O seu obxectivo é ofrecer á cidadanía unha ferramenta para coñecer a forma estándar dos nomes galegos e axudar as familias a escoller os das súas fillas e fillos.
A guía incorpora nomes tradicionais documentados desde a Idade Media, formas compartidas con outras linguas e nomes procedentes doutras tradicións que se adaptan á grafía, fonética e morfoloxía galegas; e permite consultar información detallada de cada nome: a forma estándar, o xénero, as variantes, os hipocorísticos, a etimoloxía, a motivación e as correspondencias noutras linguas, ademais de observacións e referencias a persoas que o levaron, con especial atención á historia de Galicia e aos seus persoeiros medievais.
En decembro de 2024, a Academia publicou Nomes galegos das aves de Galicia e de España, coordinado por Manuel González, co fin de unificar as denominacións das aves en galego. A publicación é froito do traballo conxunto de ornitólogos e lingüistas e permite realizar procuras polo nome galego, o científico ou a familia á que pertence cada ave, acompañada en moitos casos de fotografías que facilitan a súa identificación.
A listaxe recolle denominacións de máis de 600 especies e está dispoñible tamén nunha ferramenta dixital que permite buscar as aves polo nome galego, a denominación científica ou pola familia á que pertencen.
A listaxe resultante corrixe castelanismos e dálle preferencia ás denominacións patrimoniais, moitas delas documentadas dende a Idade Media e presentes no refraneiro, como bubela, carrán, choia, corvo mariño, cotovía, mazarico, miñato, paíño, pardela, pega e rola ou rula.


