-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Defensa da lingua
A defensa da lingua galega foi unha das liñas de actuación destacadas da Real Academia Galega durante a presidencia de Víctor F. Freixanes. Fíxoo en colaboración con outras academias, reivindicando os dereitos lingüísticos das comunidades galegofalantes de fóra de Galicia e elaborando estudos e pronunciamentos sobre a situación social do idioma, e para reclamar medidas institucionais que garantan o seu futuro.
En febreiro de 2021, nun contexto de debate social e político sobre o status das linguas propias no Estado español, a Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans publicaron a primeira declaración conxunta da súa historia. Nela, as tres institucións reivindicaban o plurilingüismo como unha riqueza cultural compartida e defendían que a diversidade lingüística de España debe considerarse un patrimonio común a preservar, nomeadamente, a través do reforzo da presenza do galego, do éuscaro e do catalán no sistema educativo.
En xaneiro de 2022, a Academia interveu no debate sobre a reforma do Estatuto de Autonomía do Principado de Asturias mediante un informe remitido ao presidente da Xunta Xeral, ao Goberno asturiano e aos grupos parlamentarios no que reclamaba o recoñecemento da galeguidade das falas occidentais de Asturias e que o galego, na súa variedade eonaviega, recibise o mesmo tratamento que o asturiano, incluído na oficialidade.
En outubro de 2024, o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba a súa Enquisa sobre o coñecemento do galego, na que, por primeira vez, o galego deixaba de ser a lingua habitual da maioría da poboación de Galicia. Os datos tamén reflectían unha situación especialmente preocupante entre a mocidade: só o 16 % das persoas de entre cinco e catorce anos declaraba falar sempre galego ou máis galego ca castelán.
Á vista destes resultados, o Seminario de Sociolingüística da Academia elaborou o Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023, no que analizaba os datos da enquisa contrastándoos coa evolución sociolingüística de Galicia desde 1992. Entre as conclusións máis destacadas, o estudo estimaba que o número de galegofalantes, monolingües ou bilingües, diminuíra en arredor de 400.000 persoas entre 2003 e 2023. O informe advertía tamén da expansión do monolingüismo en castelán entre a mocidade e das dificultades do sistema educativo para garantir a competencia lingüística en galego.
En resposta a esta situación, o 13 de decembro de 2024, o Pleno da Real Academia Galega aprobou unha declaración institucional a prol dun pacto pola lingua. O documento alertaba sobre o retroceso do idioma e relacionaba esta evolución coas consecuencias do chamado Decreto de plurilingüismo de 2010 e co abandono das políticas de protección do galego.
Entre as súas demandas figuraban a revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a aplicación íntegra da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, a modificación do modelo educativo e a adopción de medidas concretas para reforzar o uso do galego nas familias, nos centros de ensino, nos medios de comunicación, na cultura e nas novas tecnoloxías. Finalmente, a Academia instaba á Xunta de Galicia e ás diversas forzas políticas galegas a promoveren un novo pacto pola lingua.


