-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Conmemoracións
O 18 de maio de 2016, cadrando cos cen anos da constitución da primeira Irmandade da Fala, na Coruña, a Academia e o concello desta cidade organizaron unha velada musical e literaria no Teatro Rosalía de Castro. Participaron nela os catro coros históricos vinculados a aquel contexto —Cántigas da Terra, Toxos e Froles, Coral de Ruada e Cantigas e Agarimos—, xunto con escritores, académicos, xornalistas, docentes e outros participantes que deron voz a textos das Irmandades.
Outra iniciativa central da conmemoración do centenario das Irmandades foi a exposición Saúde e Terra, irmá(n)s! organizada pola Academia, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego. A mostra achegou ao público contemporáneo a historia e a repercusión na configuración da Galicia contemporánea deste movemento. Inaugurouse na Coruña e e percorreu distintas cidades galegas. Na fotografía, un cartel da exposición.
A Academia dedicou unha especial atención á recuperación e difusión do patrimonio documental das Irmandades. En marzo de 2016 comezou a publicar en formato dixital fondos da súa biblioteca e arquivo, entre eles Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, de Antón Vilar Ponte, antecedente inmediato da fundación da primeira Irmandade. Na fotografía, selo da Irmandade da Fala da Coruña.
Academia creou unha colección dedicada ás Irmandades da Fala, dentro da sección Antoloxías da Academia. O primeiro volume, Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía (2016), editado por Henrique Monteagudo, reúne textos de oratoria, ensaio, xornalismo e prosa doutrinal. O teatro nas Irmandades da Fala (2016), de Laura Tato Fontaíña, recolle algunhas das obras teatrais máis representativas do movemento. Tempo das Irmandades. Antoloxía de poesía (2016), ao cargo de Xosé Ramón Pena, ofrece unha escolma das principais tendencias da poesía galega da época. Irmandades da Fala: narrativa. Antoloxía (2017), ao coidado de Ramón Nicolás, achega unha ampla selección da narrativa vinculada ás Irmandades.
Na xuntanza fundacional das Irmandades da Fala estivo unha única muller, Micaela Chao Maciñeira. Pero nas súas filas houbo moitas outras compañeiras. Elas tamén participaban nos debates políticos e loitaban polos seus dereitos como cidadás cando aínda nin se recoñecera o voto feminino. De todo isto dá conta Irmás na Fala, a serie web que a RAG produciu en 2023 para contribuír ao coñecemento e recoñecemento de mulleres que abriron camiños de futuro para todas.
Ao longo de 2023, a Academia celebrou o centenario do pasamento do seu primeiro presidente, Manuel Murguía (1833-1923), cun programa que revisou e divulgou o seu inmenso legado histórico e cultural. A Academia quixo salientar desta maneira a súa importancia na construción da idea de Galicia como nación, na institucionalización da cultura galega e na configuración dos símbolos da súa identidade colectiva.
Unha das principais iniciativas foron as Xornadas Manuel Murguía celebradas na Coruña, Santiago de Compostela e Padrón, lugares vinculados á súa biografía. O programa estruturouse arredor de tres temas: Murguía e as institucións, Murguía e a idea de Galicia, e a relación entre literatura e nación. As intervencións foron recollidas no volume Centenario de Manuel Murguía 1923 > 2023, coordinado por Marilar Aleixandre e Ramón Villares. No coloquio, entre outros, Ana Romero Masiá, Emilio Xosé Ínsua, Pepe Barro e Xosé Luís Axeitos, Ramón Máiz, Ramón Villares, Xusto Beramendi, Ana Acuña, Xurxo Martínez e María Xesús Lama. As súas intervencións poden consultarse na páxina da Academia.
O centenario culminou coa presentación de Entre páxinas cheas de historias: Os libros de Manuel Murguía na Real Academia Galega, elaborado por Fernando Pereira González, onde cataloga o legado bibliográfico de Murguía conservado na institución: arredor de dous mil volumes.


