-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Publicacións
“A Real Academia Galega conservou como un tesouro, durante moitos anos, a correspondencia recibida por Murguía dende 1855 ata 1923, ano da súa morte. Agora, catalogada, transcrita e anotada, decidiu publícala para que todos se poidan beneficiar da importantísima información que contén”, así empeza o primeiro volume de Cartas a Murguía, editado por Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos.
O fondo, composto por máis de mil seiscentas cartas recibidas por Manuel Murguía entre 1855 e 1923, constitúe un patrimonio documental excepcional para coñecermos a historia intelectual de Galicia. Na súa presentación, Xosé Ramón Barreiro salientou que Murguía se converteu moi cedo no principal referente da cultura galega e, por iso, a súa correspondencia transcende o ámbito persoal para ofrecer unha visión privilexiada das relacións entre escritores, historiadores, políticos e artistas.
Segundo os editores, as cartas non se presentan como simples documentos biográficos, senón como testemuñas da formación dunha conciencia nacional, da actividade intelectual do Rexurdimento e da evolución dun modelo de cultura que vai da erudición ilustrada ao compromiso político e cultural propio do século XIX.
Carta de Tomás Barros Sibelo a Manuel Murguía (Ourense, 10/IV/1859). Real Academia Galega. Arquivo
Dos eixos temáticos do primeiro volume (1855-1867), o máis importante é a preparación da Historia de Galicia, obra para a que Murguía mobilizou unha ampla rede de colaboradores encargados de localizar documentos, monumentos, tradicións e bibliografía. As cartas tamén permiten reconstruír as dificultades económicas e editoriais do proxecto, especialmente a través da relación co editor Soto Freire, ao tempo que documentan outros proxectos como o inacabado Diccionario de escritores gallegos.
O segundo volume abrangue a correspondencia recibida entre 1868 e 1885, un período delimitado polo ingreso de Murguía no Corpo de Arquiveiros, pola súa participación política tras a Revolución de 1868, pola ruptura definitiva co editor Soto Freire e pola morte de Rosalía de Castro. O limiar destaca que este episodio pecha unha das colaboracións editoriais máis relevantes do galeguismo decimonónico, ao tempo que se abren para Murguía novos campos de interese relacionados coa literatura popular, o folclore e os estudos etnográficos.
A correspondencia permite seguir a preparación de El Arte en Santiago durante el siglo XVIII, os debates arredor da cuestión foral, os intentos de institucionalizar proxectos editoriais financiados polos poderes públicos e, especialmente, a dirección de La Ilustración Gallega y Asturiana. Os editores interpretan estas iniciativas como parte dun proxecto destinado a articular un espazo cultural común entre Galicia, Madrid e a emigración americana.
O epistolario constitúe unha fonte imprescindible para comprender a construción da cultura galega contemporánea. As cartas non só iluminan a biografía de Murguía, senón que permiten reconstruír as redes intelectuais do Rexurdimento, os mecanismos de creación editorial, a formación do pensamento galeguista e as relacións entre cultura, política e identidade nacional.
Os dous volumes dedicados a Os Eoas, a obra póstuma de Eduardo Pondal, foron publicados pola Real Academia Galega no ano 2005 dentro da colección Letras da Academia. O primeiro tomo, editado por Manuel Ferreiro, ofrece a edición crítica do poema, mentres que o segundo reúne os estudos de Xosé Ramón Pena e Manuel Forcadela destinados a contextualizar histórica, literaria e ideoloxicamente a obra.
Tanto o estudo introdutorio de Manuel Ferreiro como o ensaio de Xosé Ramón Pena coinciden en presentar Os Eoas como a obra central de Eduardo Pondal. Pena define o poema como a procura dunha epopea fundacional, destinada a dotar Galicia dun gran relato nacional comparable ao que Os Lusíadas representaran para Portugal.
Así mesmo, Manuel Forcadela achega unha lectura eminentemente literaria do poema. No seu ensaio “Dos acuáticos eremos” analiza Os Eoas como unha obra de extraordinaria complexidade estética, atendendo á súa estrutura narrativa, aos procedementos retóricos e ao universo simbólico que a percorre.
En 2012 deu comezo a colección Clásicos da Academia, editada pola Real Academia Galega en colaboración coa Fundación Barrié. O primeiro volume da colección foi o que recolleu a obra en prosa de Manuel Antonio, e formou parte dun proxecto de publicación da obra completa do escritor rianxeiro.
A Sección de Historia da Real Academia Galega acordou no seu día conmemorar o segundo centenario do nacemento de Nicomedes Pastor Díaz mediante a celebración dunha sesión académica extraordinaria. Dese acto naceu a publicación de "O resplandor primeiro": estudos en homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz.
A Real Academia Galega inaugurou no ano 2012 as publicacións do seu Seminario de Onomástica, integrado na Sección de Lingua, con esta primeira obra que reuniu unha selección dos traballos realizados por Nicandro Ares Vázquez, recoñecido pola súa importante achega ao estudo dos nomes de lugar de Galicia. Ata agora, estas investigacións estaban dispersas en diferentes publicacións, o que dificultaba o seu acceso e a súa consulta conxunta.


