Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Galván
masculino
Nome literario
Etimoloxía e historia
Difundido na Idade Media por un dos personaxes da corte do rei Artur, ten procedencia céltica, quizais do galés Gwalchmai, adaptado ao francés antigo como Gauvain; parece estar composto por gwalch ‘falcón’ e mai ‘maio’.
Motivación
O Galván das lendas artúricas era sobriño do mítico rei Artur de Britania, un dos heroes de varios poemas cabaleirescos medievais do chamado ciclo bretón, que morre combatendo contra o rebelde Mordred. Ás veces aparece como a flor dos cabaleiros, pero na Demanda do Santo Graal representa o espírito da cabalería mundana, a antítese de Galaaz, o perfecto cabaleiro de Deus.
Este foi un dos nomes do ciclo artúrico que ata finais do século XV aínda tiña certo uso entre os membros da nobreza galega, e que foi desaparecendo a partir do século seguinte por disposicións eclesiásticas, como a do sínodo de Ourense de 1544, na cal se lles recomendaba aos cregos oficiantes de bautismos que puxesen nomes de santos e santas —que tiñan avogados no ceo— e que rexeitasen outros non cristiáns como Heitor ou Rolán.
Na literatura galega contemporánea volveuse recrear este personaxe coa novela Galván en Saor (1989), de Darío Xohán Cabana.
Equivalencias noutras linguas
| Idioma | Masculino | Feminino |
|---|---|---|
| Español | Galván | |
| Francés | Gauvain | |
| Gaélico | Caomhghin | |
| Inglés | Gavin | |
| Italiano | Galvano | |
| Portugués | Galvão |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]




