Na tarde do 12 de maio de 1932, o deputado Castelao intervén por cuarta vez nunha sesión do Congreso. Ese día o debate no hemiciclo centrábase ao redor do Estatuto de Autonomía de Catalunya, que daquela estaba en trámite de aprobación. A pesar de que o goberno de Azaña apoiaba o Estatuto, os sectores políticos máis españolistas opoñíanse frontalmente á concesión da autonomía. Na súa intervención, Castelao defendeu as aspiracións autonomistas do pobo catalán e afirmou que Catalunya tiña dereito á súa autodeterminación política. Malia que tamén manifestou algúns reparos á parte económica do Estatuto, a súa postura e a do Partido Galeguista foron totalmente favorables á autonomía integral do pobo catalán.
Fonte: Diario de Sesiones de las Cortes Constituyentes de la República española (Madrid), n.º 164, 12/V/1932
Poucos días despois A Nosa Terra gababa a intervención de Castelao, cualificándoa de “berro de liberdade” dos pobos peninsulares. Porén, outras opinións foron moito menos positivas. O xornal madrileño El Imparcial, oposto ao Estatuto catalán, publicou o 15 de maio un artigo asinado por “Jenaro de Portochao, Lugo” no que se criticaba duramente a Castelao empregando cualificativos aldraxantes: “miope de cuerpo y alma”, “pobre enfermo del espíritu”, “pobre hombre sin luz y vida”... O anónimo articulista aseguraba que o rianxeiro non representaba a opinión maioritaria de Galicia, pois esta era contraria ao Estatuto catalán e á autonomía galega defendida polo Partido Galeguista. E concluía dicindo que Castelao non tiña valor como político e que as súas palabras no Congreso eran unha caricatura froito dunha fantasía enferma.
Fonte: A Nosa Terra (Pontevedra), n.º 294, 15/V/1932 (esquerda); El Imparcial (Madrid), n.º 22706, 15/V/1932 (dereita)
Antón Vilar Ponte foi o primeiro en reaccionar contra o ofensivo artigo de El Imparcial. Así, o 25 de maio fixo referencia aos ataques do xornal madrileño na súa sección “Pretextos cotidianos” que escribía para o xornal El Pueblo Gallego, e atribuíu a crítica a unha reacción do centralismo contra as reivindicacións autonomistas expresadas na “primavera republicana”. Na opinión de Vilar Ponte, ademais de ser un gran debuxante, pensador e humorista, Castelao era tamén o home máis representativo do país galego e quen mellor encarnaba as súas arelas e esperanzas. Por iso —argumentaba— aldraxalo a el supoñía cometer unha aldraxe contra toda Galicia. O escrito remataba coa proposta de realizar un acto de homenaxe en desagravio a Castelao que servise ao mesmo tempo para amosar que en Galicia existía vontade de avanzar cara ao autogoberno.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), n.º 2547, 25/V/1932
Non era esa a primeira vez que Antón Vilar Ponte manifestaba a idea de realizar unha homenaxe a Castelao. Xa en 1927 adherírase a unha proposta que partira do Centro Galego de Montevideo. Nesa ocasión, o xornalista viveirense propuxo que a mellor homenaxe sería publicar unha luxosa edición do álbum Nós pagada co diñeiro dos Centros Galegos de América. Posteriormente, en 1930, volveu insistir na idea da homenaxe, que agora el concibía como un xantar realizado no centro de Galicia e onde todas as persoas que interviñesen para gabar a Castelao debían facelo en galego. Aínda que ningunha desas dúas propostas anteriores chegou a se levar a cabo, a terceira iniciativa converteríase finalmente nunha realidade o mes de xuño de 1932.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), n.º 1218, 31/XII/1927 (esquerda); El Pueblo Gallego (Vigo), n.º 1942, 21/VI/1930 (dereita)
Se a proposta da homenaxe partiu de Antón Vilar Ponte, a súa materialización correu a cargo dun grupo de lucenses dispostos a celebrar na súa cidade o acto de desagravio a Castelao. A comisión organizadora do evento incluía persoas de distintas sensibilidades políticas (republicanos, galeguistas, socialistas) e estaba encabezada por Carlos Vázquez Fernández Pimentel, tenente de alcalde do Concello de Lugo, pertencendo a ela tamén o seu irmán Luís Pimentel, Ramón Martínez López e Ánxel Fole. No manifesto dado a coñecer pola comisión insistíase en que se trataba dun acto que debía homenaxear un home de prestixio como Castelao por riba das diferenzas políticas, ao ser o rianxeiro “el intérprete más fiel de los intereses colectivos gallegos”.
Fonte: Vanguardia Gallega (Lugo), n.º 198, 26/V/1932 (esquerda); El Pueblo Gallego (Vigo), n.º 2549, 27/V/1932 (dereita)
Cualificada pola prensa como “una gran fiesta de la galleguidad”, a homenaxe tivo lugar en Lugo o domingo 19 de xuño e a ela acudiu un numeroso grupo de deputados, alcaldes, artistas e intelectuais procedentes de varios puntos do país. Ademais o evento recibiu a adhesión de moitas persoas que non puideron estar presentes. Ese día pola mañá Castelao chegou en tren a Monforte dende Madrid acompañado de varios amigos. Alí agardábao a comisión organizadora cunha caravana de automóbiles para recollelo e acompañalo ata Lugo, aínda que antes de chegar á cidade fixeron unha parada na veciña localidade de Nadela e alí xuntáronse con outros grupos que viñan de Vigo e de Ourense. Foi xustamente en Nadela onde se obtivo a fotografía que presentamos como peza destacada deste mes.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), n.º 2570, 21/VI/1932
Unha vez chegada a Lugo, a comitiva dirixiuse ao pazo da Deputación. Alí foi recibida polo seu presidente, Daniel Vázquez Campo, quen fixo unha loanza do homenaxeado e despois entregoulle un “artístico álbum” no que se recollían as sinaturas e dedicatorias dos asistentes á homenaxe. Castelao, emocionado, expresou o seu agradecemento entre os aplausos dos que o rodeaban. Na fotografía, acto de entrega do álbum na Deputación de Lugo. Afortunadamente ese álbum aínda se conserva: gardado por el durante os anos do exilio e despois en posesión da súa esposa Virginia, esta entregoullo ao Museo de Pontevedra e é alí que se custodia hoxe.
Fonte: Valentín Paz-Andrade, Castelao na luz e na sombra (Ediciós do Castro, 1986). Real Academia Galega. Biblioteca
Despois da recepción no pazo da Deputación ofreceuse un xantar no Hotel Méndez Núñez con moita asistencia, falando a prensa de máis de setecentas persoas. Alí estaban presentes personalidades de toda Galicia: Antón e Ramón Vilar Ponte, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Alexandre Bóveda, Ramón Suárez Picallo, Manuel Lugrís Freire, Valentín Paz-Andrade, Roberto Blanco Torres, Eladio Rodríguez González, Alejandro Rodríguez Cadarso, Plácido Castro, Francisco Fernández del Riego e moitos outros, entre eles os membros da comisión organizadora, alcaldes de varias localidades e representantes das deputacións. Grazas á carta do menú conservada por Ramón Vilar Ponte —cunha dedicatoria de Castelao— podemos saber en que consistiu o xantar servido ese día.
Fonte: Justo G. Beramendi, Obra política de Ramón Villar Ponte (Ediciós do Castro, 1991). Real Academia Galega. Biblioteca
O momento culminante da celebración chegou despois do xantar cos discursos dalgúns asistentes. Falaron entón Carlos Vázquez Fernández Pimentel da comisión organizadora, o reitor Alejandro Rodríguez Cadarso, Ramón Otero Pedrayo, o alcalde compostelán Raimundo López Pol, Ramón Suárez Picallo, Antón Vilar Ponte e Valentín Paz-Andrade. Todos eles gabaron con grande elocuencia a figura do homenaxeado, destacando a oratoria de Otero Pedrayo, quen predixo que Castelao se convertería nun mito e nun santo e asegurou que os sabios do futuro procurarían as súas pegadas por toda Galicia. Durante o seu discurso o alcalde López Pol agasallouno cunha peza cerámica que reproducía a famosa caricatura que del fixera Lluís Bagaria en 1931. Na foto podemos ver esa reprodución, obra da empresa Cerámica Celta de Pontecesures, acompañada do álbum de dedicatorias e dos centenares de mensaxes de adhesión á homenaxe.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), n.º 2570, 21/VI/1932
Cando Castelao se ergueu entre aplausos para tomar a palabra, comezou reafirmando o seu compromiso co idioma galego que el falaba dende a infancia. Lembrou despois a súa vontade de se converter nun “artista civil” para poder contribuír á liberación política e económica de Galicia guiado sempre por ideais de fraternidade. Seguidamente fixo un rogo para que todas as persoas que amaban o país se unisen e traballasen co obxectivo de lograr un Estatuto de Autonomía. E finalizou expresando a súa confianza na mocidade, esperanza do nacemento dunha nova Galicia. Coas súas palabras e coa interpretación do himno galego polos asistentes rematou o acto de homenaxe, que tamén estivo amenizado pola música do coro Frores e Silveiras. Nesta fotografía aparece retratado cos mozos e coas mozas desa agrupación musical lucense.
Fonte: La Voz de Galicia (A Coruña), n.º 16307, 21/VI/1932
Un dos asistentes ao acto foi o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa, quen no verán de 1932 estaba de viaxe por Galicia coa súa dona para coñecer A Estrada, terra de orixe do trobador galego Paai Soarez de Tabeirós. Alí entrou en contacto con Fermín Bouza-Brey e este mostroulle os debuxos do álbum Nós. Tamén visitou Compostela, A Coruña e Ourense. E foi na compañía dos galeguistas ourensáns como chegou a Lugo para asistir á homenaxe a Castelao. Lembrando estas experiencias escribiu o artigo “Castelao e a Galiza”, que apareceu na publicación lisboeta Seara Nova e tamén na revista Nós. Nel comentaba as impresións que lle causara a celebración e ademais daba a coñecer aos lectores lusos o álbum Nós. Posteriormente Rodrigues Lapa seguiu en contacto cos círculos galeguistas e conservou toda a súa vida un grande interese pola lingua e pola cultura galegas.
Fonte: Seara Nova (Lisboa), n.º 309, 28/VII/1932
Poden descargar a prensa citada na fotogalería nesta ligazón
Certo que Castelao xa era deputado, desde 1931, nas Cortes Constituíntes, pero, para moita xente de Galicia, era, fundamentalmente, escritor, debuxante e conferenciante; unha especie de Demóstenes en voz baixa, non oteriano, caseiro e con agudezas do seu humor que facían cavilar. Como narrador, era autor, principalmente, de Cousas (1926, 1929), libro que honraría calquera lingua en calquera literatura, e, como debuxante, estaba moi presente na prensa coa orixinal sección “Cousas da vida”, debuxos (con breves pés) que foran, anos e anos, o lecer e o aguillón intelectual de centos e centos de xentes pouco instruídas do agro, da ribeira e da cidade, algunhas iletradas no seu idioma galego. Eran os lectores populares que percibían e agradecían o talante e o talento demóticos do artista, tan pedagóxico. O mesmo lles acontecera co álbum Nós, editado en 1931 con cincuenta debuxos moi anteriores. No xantar de Lugo estaba o eminente filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa que se rendeu ante o álbum Nós e sobre o que escribiu, en Lisboa, días despois, palabras aínda vixentes, para interpretarmos ese prodixioso capítulo da plástica do noso artista. Convén ter en conta que foi en Lugo, nesa data, o primeiro encontro do ilustre filólogo coa persoa e coa obra de Castelao, tal como explica nun recente libro de Galaxia, Galiza mater, raíz anterga, Henrique Monteagudo, o noso presidente.
O principal promotor da homenaxe, Antón Vilar Ponte, chegou a afirmar, na súa alocución despois do xantar de confraternidade, “...decir Galicia é decir Castelao ou viceversa”. O seu manuscrito custódiase no arquivo da Real Academia, infelizmente falto de unha ou varias páxinas. Nesa sesión oratoria, as palabras máis poéticas e reveladoras sobre a singularidade de Castelao foron proferidas polo Demóstenes daquela xuntanza, Ramón Otero Pedrayo. Nun resumo de El Pueblo Gallego, do día 21, lemos: “...Otero Pedrayo… predixo que Castelao se convertería nun mito e nun santo e asegurou que os sabios do futuro procurarían as súas pegadas por toda Galicia”. Paga a pena ofrecer a singular caracterización reproducindo unhas liñas dun artigo de Otero Pedrayo publicado na véspera do acto na Vanguardia Gallega:
Co tempo, Castelao será nos campos galegos un mito. E irán os folkloristas á aldeia a mirar a procesión do santo Castelao esculturado dibuxo arrodeado de frores e froitos, levado na barca pol-o mar de Arousa, con foguetes e gaitas, e non saberán que foi un home mortal.
A homenaxe, que se viña xestando desde había algún tempo, foi sentida como un feito inadiable cando un periódico galego aldraxou a Castelao como deputado, ó Castelao que erguera a súa voz, nas Cortes, en favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. O 15 de maio un tal “Jenaro de Portochao” (Lugo) foi capaz de cualificar ó deputado galeguista de “miope de cuerpo y alma” e de “pobre enfermo del espíritu” (El Imparcial, Madrid). Os hemerólogos deberían averiguar o nome de quen se oculta baixo este pseudónimo tan enxebre, alguén, penso, que preludia a algúns dos Xan de Ventraces que ouvean nas sesións do Congreso de hoxe.
Celebrouse o acto central na Deputación de Lugo, houbo unha recepción no Concello e, finalmente, un xantar, no hotel Méndez Núñez, multitudinario (máis de 700 persoas segundo algún xornal). Foi aquí onde soaron as gabanzas proferidas por galeguistas moi coñecidos (Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Vilar Ponte, deputados) e por personalidades non afiliadas, como o grande escritor Roberto Blanco Torres ou o reitor da universidade de Compostela, Alejandro Rodríguez Cadarso.
Castelao, que viña de Madrid en tren, apeárase en Monforte, e de alí, en coche, con outros, foron a Nadela, localidade próxima a Lugo onde coincidiron con xentes vidas de Vigo e Ourense. En plena mañá, entra na cidade unha caravana de coches e autobuses, e conta a prensa que moitos veciños ovacionaban ós ocupantes e daban vivas a Castelao e a Galicia. Nunca tal se vira, nunca en Galicia houbera unha homenaxe destas características e desta magnitude a unha personalidade comprometida politicamente coa causa da galeguidade. Quizais habería que pensar na Coruña de 1904 cando Curros Enríquez foi coroado como poeta, pero aquel acto, esencialmente cultural, non tiña, non podía ter, a significación e as connotacións políticas do ofrecido, en 1932, a Castelao.
Castelao, na clausura da sesión oratoria, non só agradeceu aquela homenaxe senón que falou de si mesmo, nomeadamente, do artista, do tipo de artista que era e que estaba disposto a seguir sendo: “artista civil”. La Voz de Galicia do día 21 recolle ben estas palabras, que, poucos anos despois, máis ou menos, repetiría en Buenos Aires. Foi en 1940, nun acto de homenaxe no Centro Galego: “Agasallades en min a un artista civil que sempre puxo o seu arte ó servizo das causas populares”. Quizais esta faceta da súa rica personalidade é a que máis celebraba un dos grandes promotores da homenaxe luguesa, Antón Vilar Ponte, e con el, outros.
Xesús Alonso Montero
Académico numerario da RAG
No Arquivo da Real Academia Galega consérvase un manuscrito que contén o discurso elaborado por Antón Vilar Ponte para ler na homenaxe a Castelao celebrada en Lugo o 19 de xuño de 1932. O documento consta de cinco follas escritas a man polo xornalista de Viveiro, aínda que está incompleto por faltar unha ou varias follas ao final do texto.
No texto, Vilar Ponte salienta unha idea que expresaría en varias ocasións: que Castelao representaba unha perfecta encarnación de Galicia (“Porque decir Galicia é decir Castelao ou viceversa...”) e que, como tal, el era o mellor intérprete das necesidades e dos anceios do país. Fai tamén unha breve lembranza dos precursores do galeguismo desaparecidos e pide que se conserve a súa memoria. Xa na parte final do discurso hai lugar para a actualidade política ao tratar a cuestión do Estatuto de Autonomía que os galeguistas estaban tentando lograr para Galicia durante os anos da Segunda República.
A pesar de que foi del de quen partiu a idea inicial de realizar a homenaxe a Castelao que despois se materializaría nos actos de Lugo, e malia que xa tiña redactado o seu discurso, Antón Vilar Ponte non chegou a lelo enteiro o día da celebración, cando tomou a palabra ao finalizar o xantar. Consonte a información recollida na prensa, a súa intervención foi breve e limitouse a lembrar algúns dos galeguistas xa desaparecidos —Lois Porteiro Garea, Antón Losada Diéguez, Manuel Antonio e Luís Amado Carballo, todos eles mencionados no manuscrito do discurso— e a solicitar que o nome de Porteiro Garea fose lembrado nunha rúa de Lugo, por ser a cidade onde nacera este político galeguista. O alcalde de Lugo, presente na homenaxe, prometeu que se colocaría nalgunha rúa da cidade unha placa en lembranza do insigne galeguista.
Descoñecemos a razón pola que finalmente decidiu non ler por enteiro o texto que xa tiña preparado. As causas probablemente foron as limitacións de tempo para facer uso da palabra no acto de homenaxe e tamén o desexo de non repetir as mesmas gabanzas xa tributadas ao rianxeiro por outros asistentes. Sexa como for, algúns fragmentos do discurso empregounos máis tarde para confeccionar a contestación que deu ao traballo lido por Castelao cando este ingresou na Real Academia Galega en 1934.
A seguir ofrecemos as imaxes do manuscrito orixinal acompañadas dunha transcrición do texto que se conserva. Na nosa transcrición respectamos fielmente os contidos e a ortografía do orixinal, engadindo unicamente algún acento gráfico e algunha vírgula cando se precisen para facilitar unha mellor compresión do escrito.
Queremos expresar o noso agradecemento a Emilio Xosé Ínsua, grande especialista na vida e na obra de Antón e de Ramón Vilar Ponte, quen amablemente nos ofreceu a súa axuda á hora de transcribir partes do manuscrito.