Víctor F. Freixanes

Carlos Casares, buscador de tesouros

Víctor F. Freixanes

04/05/2017

De entre as caras diversas nas que reflicte a luz, ¿cal escoller? Escritor, editor, conferenciante, ensaísta, activista cultural, crítico literario, lector atento, cidadán implicado en actuacións que o levaron a participar en procesos decisivos no delicado período da transición política á democracia en España e á recuperación do autogoberno en Galicia (a autonomía)… ¿Con cal destas facianas nos quedariamos para presentar aos galegos e ás galegas a figura de Carlos Casares, arredor da celebración do Día das Letras?

De certo que nestes días haberá ocasión de comentar e mesmo de adentrarse en territorios menos coñecidos da personalidade e da extensa obra do autor de Vento ferido (1967), Ilustrísima (1980) ou Deus sentado nun sillón azul (1996). Como escritor, Casares ensaiou moitos e diversos xéneros, dende a narrativa breve ao columnismo nos xornais, dende a crítica literaria á biografía e o ensaio. Mais de salientar algún aspecto, eu salientaría a súa preocupación, a súa vocación, o seu constante esforzo na procura e conquista (sedución) de públicos novos: lectores e lectoras que empezaban a ler en galego, aqueles que por idade ou por novidade nunca ou moi poucas veces se achegaran á lingua e algunha vez podían probar. Estes eran os tesouros que buscaba Casares.

Para os primeiros está a súa abondosa produción de literatura para os máis novos: A galiña azul, 1968; As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, 1973; O can Rin e o lobo Crispín (1983); a serie dos Toribio (1991-1994); Lolo anda en bicicleta (1996)… Aínda poderiamos engadir O galo de Antioquía (1994) ou O polbo xigante (2000).

Para os segundos, ademais da súa propia creación, está o seu esforzo a prol da tradución de textos da literatura universal, empezando pola tradución xa canónica de O principiño de Saint-Exupéry (1972), e a súa produción para os xornais. As columnas de "A Marxe", que durante unha década publicou diariamente o xornal La Voz de Galicia, son un exemplo de eficacia narrativa, de estilo e de comunicación, mesmo pensando en lectoras e lectores que moi ocasionalmente se achegaban á lectura en galego, mais que acudían diariamente á cita coa columna de Carlos Casares.

A preocupación por conquistar cada día novos lectores. Velaí unha constante no discurso estratéxico do noso compañeiro de letras. Conquista e sedución de lectores novos para o galego, que é o mesmo que conquistar novos cidadáns: cidadáns conscientes do seu patrimonio e do tesouro que significa unha lingua viva, moderna, na que nos recoñecemos e nos socializamos, para explicar o mundo e para transmitilo (con alegría) ás xeracións que o han de continuar.

Víctor F. Freixanes
Presidente da Academia


Axenda de actos Ver todos
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete