Margarita Ledo Andión

1856-2016

Margarita Ledo Andión

23/10/2015

Gustaría ter a voz de Guadi, o rigor e a paixón do profesor Carracedo para profundar no que nos constitúe, poder trazar esa liña coa que Siro nos resume. E porque non son ela nin eles, podo coller esa voz, esa pesquisa en andamento, eses caretos como materiais de meu para o ámbito da comunicación e da construción de obxectos culturais que nos representan e que nos expresan.

Así, a comunicación évos un universo de posta en relación do diferente canda a notación do contexto que arestora, para este encontro, se define arredor dun lema, "bos e xenerosos/boas e xenerosas", lema que só existe en relación cos mais, que ancora nunha calidade que non pode ser persoal aínda que se enuncie como tal, e que me levou a pensar no que quere dicir, a día de hoxe, escoller a nación como lugar no que, no ronsel pondaliano, virá acontecer a liberación que o bardo anticipa e anima.

Onte, despois da conferencia inaugural dun mestrado na Universidade do País Vasco, achegueime a celebrar os 18 anos do Gugennheim. E ao pasear a mostra de Jean-Michel Basquiat, un artista hip-hop, negro, de rúa, que nace no 1960, que dura apenas 27 anos e que segue a ser unha das referencias na arte contemporánea, pensei que tamén unha nación pequena e subalterna pode contribuír a transformar a humanidade. A mostra do artista de Nova York articulábase á volta da voz de Martin Luther King, daquel discurso, "Eu tiven un soño" que, pola súa vez, ten como nó organizador unha consigna repetida sen fin: now is the time!, "os tempos son chegados", que tamén a nós nos identifica cun soño que se fora labrando no chamado século das grandes promesas, o dezanove, e que o século vinte tronzou.

E terá pasado xa o tempo da emancipación? O filósofo-político Jacques Rancière pronunciaba unha conferencia con este título en Lisboa, na Fundação Calouste Gulbenkian, para convidarnos a reflexionar sobre o sentido dunha outra pregunta que escoitamos arreo: "Que foi o que mudou nos últimos tempos?". E a resposta é sempre a mesma: "Mudaron os tempos". Que, na verdade, quere dicir, "Iso do que falas xa non é posíbel". E esta frase-clixé, comentaba o profesor da Universidade París 8, forma parte de todo un repertorio discursivo destinado a manter que a orde existente é a única posíbel, que hai cousas que xa non podemos facer, ideas nas que non podemos crer, futuros que non podemos maxinar.

Pola contra, talvez porque o que nós sabemos de certo é que nada mudou nos últimos tempos, seguimos a ser parte da nación imaxinada pola xeración que hoxe nos convoca na figura de Eduardo Pondal e daquel brinde no Banquete de Conxo, dun acto que axuntou o axitador, o estudantado, os e as artesás; que uniu poesía con coñecemento e a súa aplicación á produción de bens.

Porque cando, a día de hoxe, volvemos dicir "os tempos son chegados", dámoslle continuidade a unha xinea que tomou posición, que interveu no medio e medio da praza, que soergueu símbolos, que anticipou un xeito de pensar o futuro como emancipación comunal. Now is the time -na versión de Martin Luther King no 1963 e no corazón do Imperio, reclamando dereitos civís-, tamén para nós esa frase do Himno significa que cómpre acadar poder político para deter a nova emigración, que é preciso mudar para as mans do común eses recursos imprescindíbeis para que a igualdade deixe o limbo das declaracións e pase a ser parte desta terra na que pomos os pés.

A esperanza, a máis social de todas as enerxías –dixeran aqués frankfurtianos que tanto influíron na miña xeración, que nos adestraron no pensamento crítico para entrar na complexidade dos Medios de Comunicación e da Industria da Conciencia– a esperanza, dicía, é tamén a consciencia do que nos falta, a dor do que nos manca –tal e como explica Blanchot a figura dos e das intelectuais– e que ecoa sen pausa na poética pondaliana que hoxe acolle todo o seu sentido para nós:

Quen tivera ditoso
Un tan sublime acento
Que do seu fondo sono
Despertara os galegos

Discurso pronunciado na recollida do Premio Bos e Xenerosos

Ponteceso, 22 de outubro de 2015

Arquiveira-bibliotecaria da Academia


Axenda de actos Ver todos
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete