Margarita Ledo Andión

Vestirse coa lingua

Margarita Ledo Andión

08/06/2015

Cultura galega, o marco no que vou incorporar estas reflexións, é a cultura como constitutiva do espazo público, dese lugar político onde nos representamos como suxeito colectivo e cidadán, alí onde a igualdade é un principio ontolóxico. Coma calquera construción social na historia, é un palimpsesto pois que está feita de síntomas (Prisciliano), de crebas, de negacións (a ‘doma e castración') e de renacenza (dos provincialistas á nación). Neste senso os elementos que a singularizan e a simbolizan son diferentes segundo os momentos. Hoxe a lingua é un deses elementos. E como sinal político, que vai máis aló do seu valor instrumental, o seu papel foise afirmando dende o dezanove até un arestora incerto que devén en síntoma de doenza da mesma sociedade á que representa.

A cultura propia (nacional) de Galicia é a cultura que, de mediar a lingua, se expresa en lingua galega e en facéndoo crea condicións para que exista como esfera pública e para que nela se produzan, é dicir, aparezan, se instalen ou devalen diferentes culturas grupais, como por exemplo a cultura cigana en Galicia -declaro que me emocionou escoitar, aló nos anos do chamado Bipartito, a versión flamenca do Himno Galego, máis aló das intencións que puideron levar á ex-Presidenta do Parlamento cara a tal acción-, ou a cultura de expresión árabe, ou a cultura indiana que hoxe pode verse como unha variante ‘antropolóxica' pero que influíu de maneira decisiva no paso do XIX para o XX.

Ela, a cultura nacional de Galicia, pola súa mesma existencia tamén é garante dos dereitos individuais, incluída a pluralidade lingüística no seu seo. Por referir dous exemplos, teño para min que cómpre diferenciar os períodos nos que aínda non se tiñan desenvolvido condicións -nin no pensamento nin na política- para a institucionalización da nación. É dicir, non ten o mesmo significado que a Pardo Bazán non utilice o galego de que Torrente, por razóns ideolóxicas, deixe de o utilizar. E viríanos ben reactualizar o debate con autores en presente para vermos o sentido do nacionalismo que precede a nación e mesmo como variante analítica.

Cómpre, xa que logo, arredar a pertenza de matriz republicana convencional (ben por nacenza nun territorio, ben por xinea); a decisión individual de pasar a formar parte dun país (sen ir máis lonxe, e se penso en colegas do mundo da Comunicación, Martín Barbero fíxose colombiano e Chanan, por exemplo, deixou de ser israelí); os procesos abertos coas migracións, etc., etc. dunha sociedade que se recoñece como tal a traveso dunha cultura común, unha cultura na que acordou determinadas regras (valores de referencia, aproveitamento de recursos, articulación do hábitat), canda un espazo de comunicación cara a dentro e cara a fóra, no que lle deu corpo a unha lingua de seu que a identifica e da cultura nesa mesma lingua como gran mediación.

Así, desta maneira, a partir da posibilidade de políticas públicas e de que toda política ten por tras un cadro institucional e nacional (con ou sen estado) determinado, ábrese un espazo de relación cos outros espazos (por exemplo o atlántico, o lusófono, o iberoamericano) dende dominantes que poden pasar polo mercado, polo modo de inserírmonos na mundialización, ou polo intercambio e a participación en universos creativos de esgos tan diversos coma o do cinema, a arte contemporánea, os blogues, ou a música folk.

Arquiveira-bibliotecaria


Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete