Andrés Torres Queiruga

Corenta anos de 'Encrucillada'

Andrés Torres Queiruga

14/02/2018

Estou emocionado por estes 40 anos de presenza tenaz e modesta. Como o seu nome suxire, a revista naceu nunha "encrucillada" importante. Estaba o impacto do Concilio Vaticano II, que foi unha explosión de esperanza, de creatividade relixiosa e de ilusión de futuro. Estaba a revolución do 68, que revolveu o planeta e fixo soñar utopías. Estaba finalmente o espertar da nova conciencia de Galicia, que volvía á súa propia conciencia após un longo estrañamento histórico.

A nosa revista naceu para responder a estes retos con clara vontade de atopar unha síntese na dobre identidade de ser galega e de ser cristiá, tentando conciliar estas dúas querenzas fortes: cremos nun cristianismo que se encarna na súa terra, na súa cultura, no seu idioma e que responde aos retos da actualidade que daquela marcaba o momento do concilio co seu entusiasmo.

A relación entre cultura galega e pensamento e vivencia cristiá era entón moito máis viva que agora. Daquela había máis entusiasmo, máis movemento, máis ilusión, máis esperanza. Hoxe todo está máis murcho e aparece esvaecido. Mesmo creo que cabe falar dun claro e triste apagón.

Con todo, estamos nun momento de crear a comunicación, a interface entre fe e galeguidade, entre a Igrexa e o noso mundo cultural. É evidente que en Galicia hai un déficit neste campo: non existe diálogo. Os que pensamos e traballamos no campo da fe non atopamos eco no mundo da cultura, e os que traballan na cultura non encontran resposta na igrexa para se deixar transformar.

Encrucillada asume o seu papel e quere ser o lévedo evanxélico que vai creando unha nova relación, abrindo esperanza e propiciando un novo achegamento que nos enriqueza a todos. Sairía gañando Galicia e gañaría a igrexa grazas ao impacto cultural e á inquietude social.

Os esforzos que se fan desde a cultura están a ser enormes. É necesario que a igrexa se enriqueza tamén con eles, que esperte e se encarne na súa misión. Non hai dereito a que desde a xerarquía estea tan apagado o interese por Galicia, mesmo desobedecendo o Concilio Galego, un concilio que a igrexa galega se deu a si mesma e que está completamente desatendido no goberno eclesial.

Non quero acabar con pesimismo, senón cunha chamada á esperanza. Celebrar 40 anos dunha empresa sen apoio oficial, feita gratuitamente, representa un sinal de que paga a pena traballar. Ergue entre nós unha bandeira de esperanza.

Andrés Torres Queiruga
Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete