Versos multilingües para Rosalía

"Que doce, mais que triste, / tamén é a soledad", escribía Rosalía en Follas Novas. "A soidade vaiche ben / sentado alí só cunha copa de viño na man", respóndelle en neerlandés Frank de Crits no libro de homenaxe á escritora do Colectivo de Poetas en Bruxelas. O volume recolle os poemas de oito autores nas súas respectivas linguas -francés, árabe, neerlandés, español e galego- en diálogo coa obra rosaliana. Os seus protagonistas, de Crits, Taha Adnan, Geert ven Istendael, Serge Meurant, Silvia Vainberg, Bart Vonck e os galegos Ramón Neto e Xavier Queipo visitaron hoxe os Cursos "Galego sen fronteiras", onde avanzaron parte do recital que ofrecerán nos vindeiros días en Santiago de Compostela, Padrón e Fisterra no marco dun proxecto da Fundación Rosalía de Castro.

Geert van Istendael recita "Antífona" en neerlandés acompañado de Xavier Queipo verténdoo ao galego. Fonte: RAG


Rosalía en camiño. Diálogos literarios multilingües estará presente nestes tres grandes escenarios rosalianos e do Camiño de Santiago, xa que a iniciativa pretende promover a dimensión internacional da escritora e da lingua e da cultura galegas no contexto da celebración do Xacobeo 2021, explicou o presidente da Fundación, Anxo Angueira.

Nesta primeira edición a iniciativa acolle o Colectivo de Poetas de Bruxelas, creado hai doce anos na capital belga e formado por autores bruxeleses por teren nacido nesta cidade ou por adoptárena como súa. Os seus poemas poden lerse no libro editado para a ocasión en versión orixinal e vertidos ao galego. A achega de cada escritor acompáñase dun poema de Rosalía en versión orixinal e levado tamén aos seus respectivos idiomas e mais ao inglés.

"Rosalía de Castro é a nosa Shakespeare, o noso Cervantes, o noso Camões, o noso Goethe, o noso Dante. O noso escritor nacional é unha muller, principalmente porque falou da dignidade dunha cultura, dunha lingua e dunha terra maltratadas desde fóra", explicou Anxo Angueira ao alumnado na presentación. "Converteuse na escritora nacional porque sempre estivo cos humildes, cos excluídos. Retratou o mundo que na literatura convencional non existía", engadiu. O presidente da Fundación Rosalía de Castro pechou tamén o recitado dándolles voz a versos de Rosalía.


Membros do Colectivo de Poetas de Bruxelas con Anxo Angueira, no centro da imaxe, e o codirector dos Cursos "Galego sen fronteiras", Xosé Luís Regueira, nas escaleiras da Facultade de Xeografía e Historia, onde se desenvolveu o recital. Fonte: RAG
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete