Pilar Pallarés acada o Premio Nacional de Poesía con 'Tempo fósil'

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Poesía 2019 polo seu libro Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018). O xurado, reunido esta mañá, salienta desta obra a capacidade de transmisión, "con profunda sabedoría e emoción", da experiencia da perda e da destrución do vivido.

A poeta, licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de literatura galega, é un dos referentes da nosa poesía contemporánea. Pilar Pallarés xa obtivera con Tempo fósil o Premio da Crítica 2018, un recoñecemento ao que agora se suma o concedido polo Ministerio de Cultura. O xurado elixiu esta obra "por transmitir con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e desgarrada, a experiencia da perda e da destrución do vivido, do que nos configura, dende unha conciencia da paisaxe coma un corpo vivo", explica o Ministerio.

O debut editorial de Pilar Pallarés produciuse en 1980, cando saíu do prelo Entre lusco e fusco, que merecera o Premio Poesía Nova do Facho o ano anterior. No ano 1983 o seu seguinte libro, Sétima soidade, foi recoñecido co Premio Esquío. Livro das devoracións (1996), Poemas (2000) e Leopardo son (2011), polo que recibiu o Premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, son outros dos títulos de poesía publicados pola autora, cuxos versos poden lerse tamén en diversas obras colectivas.

Este é o terceiro Premio Nacional para autores galegos na convocatoria deste ano, tras os acadados por Anxo Quintela (Xornalismo) e Xosé M. Núñez Seixas (Ensaio). A estes galardóns hai que engadir o primeiro e o terceiro premio aos mellores libros editados en 2018 na categoría de infantil e xuvenil que acadaron dous títulos da editorial galega Kalandraka: Cándido y los demás, de Fran Pintadera e Christian Inaraja, e Cara de velocidad, da autora compostelá Marga Tojo e María Hergueta.

O xurado do Premio Nacional de Poesía 2019 foi presidido por Carlos Alberdi Alonso, director do gabinete do ministro de Cultura; e como vicepresidenta actuou Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro. A proposta da Real Academia Galega, o académico de número Manuel Rivas participou como vogal xunto a Aurora Egido Martínez (Real Academia Española), Aranzazu Urretavizcaya (Euskaltzaindia), Carles Duarte i Montserrat (Institut d'Estudis Catalans), Araceli Iravedra (CRUE), Rafael Soler Medem (Asociación Colexial de Escritores de España), Noemí Haydée Benegas (Asociación Española de Críticos Literarios), Concepción Tejedor (FAPE), María Soledad Sánchez (Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense), Jenaro Talens (designado polo ministro de Cultura), e Antònia Vicens Picornell, autora galardoada co Premio Nacional de Poesía 2018.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete