'Notas compostelás' recupera dous textos de Antonio Fraguas relacionados con Santiago

O Museo do Pobo Galego acolleu este mércores a presentación de Notas compostelás. O volume, editado polo Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia, recupera dous textos de Antonio Fraguas relacionados con Santiago: "A vida colexial compostelá. Os homes e as institucións" (1975) e "A Sociedade Amigos da Arte de Santiago de Compostela. Apuntamentos para a súa historia" (1974).

Presentación de Notas compostelás no Museo do Pobo Galego. Fonte: MPG


A relación de Antonio Fraguas con Santiago de Compostela remóntase aos seus anos de estudante universitario. O protagonista do Día das Letras Galegas 2019 viviu nesta cidade en distintos momentos da súa vida e estableceuse nela definitivamente no ano 1959, cando foi destinado como docente ao Instituto Rosalía de Castro. Como historiador, unha das súas principais achegas é a súa tese de doutoramento sobre a historia do Colexio de Fonseca (1948), un tema ao que volveu en traballos como o artigo dedicado á vida universitaria recollido en Notas compostelás. O texto aborda catro séculos de historia da Universidade de Santiago de Compostela a través das principais figuras académicas, de institucións como o Colexio de Santiago Alfeo (Colexio de Fonseca), do Colexio de San Clemente ou o dos Irlandeses, e do seu funcionamento cotiá.

O protagonista do Día das Letras Galegas 2019 afonda no outro artigo recompilado no volume no proceso de constitución e no regulamento da Sociedade Amigos da Arte de Santiago de Compostela, fundada no ano 1928 a iniciativa dun grupo de pintores da cidade que contaron co apoio de debuxantes, escultores e xornalistas. Antonio Fraguas dá conta das exposicións organizadas pola entidade e os premios que promoveu ata a súa disolución no ano 1931 como consecuencia dunha serie de problemas.

O volume foi vertido ao galego por Xesús Domínguez Dono e ilustrado con fotografías do Consorcio de Santiago e do seu arquitecto, Ramón Fernández Hermida.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete