Manuel Rivas e Craig Patterson, recoñecidos na última edición do Premio Ostana

A última edición do Premio Ostana de Escritura en Lingua Materna xa ten novos gañadores. O académico de número Manuel Rivas foi galardoado na modalidade Premio Internacional e o académico correspondente Craig Patterson na de tradución. O Premio Ostana foi creado en 2008 pola Associazione Chambra d'Òc e a Comune de Ostana (Italia) co obxectivo de celebrar e preservar a biodiversidade cultural en clave lingüística.

Manuel Rivas e Craig Patterson 


Manuel Rivas, na actualidade o escritor en lingua galega de maior proxección internacional, suma este novo recoñecemento a unha longa listaxe de galardóns, entre eles o Premio Nacional de Narrativa e o Premio Torrente Ballester por ¿Que me queres, amor? (1996), e o Premio da Crítica de narrativa galega por O lapis do carpinteiro (1998) e Os libros arden mal (2006).

O Premio Ostana recoñece tamén o labor como tradutor de Craig Patterson, autor da primeira versión en inglés do Sempre en Galiza de Castelao, Forever in Galicia (Boutle, 2016). O académico correspondente verteu recentemente ao inglés a novela de Eva Moreda A Veiga é como un tempo distinto ( 2011), baixo o título Home is Like a Different Time, un traballo premiado en 2017 nos PEN Translates awards concedidos polo English PEN.

A undécima edición do Premio Ostana distinguiu tamén a Til Stegmann co Premio Especial polo proxecto para a intercompresión entre as linguas europeas Eurocom; a poeta en walser Anna Maria Bacher; o músico Gerard Zuccheto (Premio de Lingua Occitana); Dariya Martynova, Premio Mocidade pola súa obra en lingua even (Siberia); Franca Masu, pola súa música en alguerés (Italia); e ao director e guionista paraguaio Marcelo Martinessi, co Premio Cinema (guaraní).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete