Xosé M. Núñez Seixas gaña o Premio Nacional de Ensaio

O historiador Xosé M. Núñez Seixas é o gañador do Premio Nacional de Ensaio 2019 por Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018. A obra traza unha historia do nacionalismo español nas súas diversas correntes e manifestacións apoiándose nunha densa traxectoria de investigación e destaca "polo seu esforzo de síntese e de claridade expositiva, así como polo seu rigor", salienta o xurado, que se reuniu esta mañá no Ministerio de Cultura.
Xosé Manuel Núñez Seixas (CCG)

Xosé M. Núñez Seixas (Ourense, 1966) é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. As súas investigacións céntranse nos nacionalismos ibéricos e europeos dende o século XIX e nos estudos migratorios. Ten sido investigador e profesor convidado en numerosas universidades como París VII, París X, Zentrum für zeitgeschichtliche Forschung ou Stanford, e exerceu como catedrático na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnic. Na actualidade é vicepresidente do Consello da Cultura Galega, onde se encarga, entre outros temas, da coordinación do Arquivo da Emigración Galega.

O historiador ourensán é autor, entre outros títulos, de Internacionalitzant el nacionalisme. El catalanisme polític i la qüestió de les minories nacionals a Europa (1914-1936) (2010); Patriotas y demócratas. El discurso nacionalista español después de Franco (2010); Icônes littéraires et stéréotypes sociaux: L'image des immigrants galiciens en Argentine (1800-1960) (2013), Las patrias ausentes. Estudios sobre historia y memoria de las migraciones ibéricas (1830-1960) (2014), ou Camarada invierno: experiencia y memoria de la División Azul, 1941-1945 (2016). É ademais o coordinador da Historia Mundial de España (2018).

Esta é a terceira vez que unha obra dun autor galego é recoñecida co Premio Nacional de Ensaio. O ano pasado o galardón foi para a biografía Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), da profesora de Literatura Galega da Universidade de Barcelona María Xesús Lama; e no ano 2008 o historiador da USC Justo Beramendi conseguiuno con De provincia a nación: historia do galeguismo político.

O xurado que concedeu o galardón deste ano a Xosé M. Núñez Seixas foi presidido por Adriana Moscoso, directora xeral de Industrias Culturais e Cooperación, e Begoña Cerro, subdirectora xeral de Promoción do Libro actuou como vicepresidenta. O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, participou a proposta da institución como vogal xunto a Soledad Puértolas (Real Academia Española), Adolfo Arejita Oñarte-Echebarria (Euskaltzaindia), Enric Pujol i Casademont (Institut d'Estudis Catalans), Bruno Camus Bergareche (CRUE), Francisca Rubio Gámez (Asociación Colexial de Escritores de España), Ángel Luis Prieto de Paula (Asociación Española de Críticos Literarios), María de la Concepción Barrigós Vicente (FAPE), Esther Sánchez-Pardo González (Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense), Emilio Lledó Iñigo, a proposta do Ministerio de Cultura, e María Xesús Lama como gañadora da edición anterior.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete