Unha biblioteca única con 70.000 volumes desde o século XVI

A directora da biblioteca da Real Academia Galega participou na xornada técnica sobre bibliotecas especializadas celebrada o pasado venres na Cidade da Cultura. Ana María Menéndez repasou brevemente a orixe e os principais fondos da colección, que comezou a nutrirse desde a fundación da Academia, en 1905, con doazóns dos propios académicos e outros intelectuais.

A directora da biblioteca da Academia, Ana Menéndez, intervén na xornada sobre bibliotecas especializadas


As doazóns representan a principal fonte da colección da biblioteca da RAG, centrada no fondo galego, explicou Ana Menéndez na xornada organizada pola Consellería de Cultura. A día de hoxe conta cunhas 70.000 monografías, entre libros e folletos, que abranguen dende o século XVI ata o XXI, engadiu. Entre eles figuran os de bibliotecas particulares de intelectuais galegos como Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Luís Seoane, Antón Villar Ponte e Xosé Fontenla Leal.

A hemeroteca é outra parte moi destacada deste servizo aberto de libre acceso, con arredor de 3.000 títulos de fondo histórico do século XVIII ao XXI, moitos deles exemplares de gran valor, salientou Ana Menéndez. Tamén se referiu aos 700 volumes de música impresa, entre os que sobresae o fondo particular de Marcial del Adalid.

A responsable da biblioteca da RAG presentou ademais a intervención de Paz García Ordóñez e José Santos Cobo, da biblioteca da Real Academia Española. A xornada contou tamén coa participación de representantes dos centros de documentación do Instituto de Radio Televisión Española e do Centro Nacional de Educación Ambiental e das bibliotecas do Museo Reina Sofía, o Museo do Prado, o Congreso dos Deputados, o CSIC e o centro de apoio á investigación da Fundación Juan March.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete