Contádenos o voso Día das Letras amosa a descuberta do mundo de Antonio Fraguas en máis de oitenta colexios

A vida e a obra de Antonio Fraguas inspirou múltiples actividades nos centros de ensino de toda Galicia. O proxecto web Primavera das Letras recolle unha boa mostra da variedade de temas abordados e da orixinalidade das olladas a través do certame Contádenos o voso Día das Letras. Un total de 83 centros de educación infantil e primaria de toda Galicia concorreron ao concurso convocado pola Real Academia Galega. As achegas poden verse nesta ligazón. A institución dará a coñecer os colexios gañadores a comezos do mes de setembro.

A celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas animou a moitas escolas a traballar co alumnado e as familias na investigación e na recollida de expresións do patrimonio inmaterial das súas contornas. As cantigas, as tradicións ou as lendas ás que o etnógrafo lles dedicou tantas publicacións protagonizaron tamén xogos ou obras de teatro. O alumnado afondou de igual xeito na biografía do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou neste 2019 o 17 de maio.

O certame Contádenos o voso Día das Letras creouse no ano 2017 co obxectivo de coñecer e de difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade e premiar a súa implicación na divulgación da lingua e a cultura galegas. A iniciativa insírese no proxecto Primavera das Letras. Desde 2016 esta web fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos que permiten traballar competencias e contidos de distintos eidos, desde o medio natural e a historia ata a expresión plástica.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete