A RAG na clausura do centenario de Euskaltzaindia

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o secretario da institución e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo; e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, participaron esta fin de semana en Gipuzkoa no acto de clausura das celebracións do centenario de Euskaltzaindia. A Real Academia da Lingua Vasca organizou nos últimos doce meses numerosas actividades  co gallo desta efeméride nas que participaron de forma activa distintos membros da RAG.
Clausura da celebración do centenario de Eukaltzaindia. Fonte: Euskaltzaindia


O peche da programación especial de Euskaltzaindia celebrouse na sede da Deputación Foral de Gipuzkoa e contou coa presenza dunha ampla representación das principais institucións do País Vasco e os membros do Padroado de Honra do Centenario de Euskaltzaindia, do que forma parte o presidente da RAG. O propio Víctor F. Freixanes xa participara en xullo de 2018 na constitución deste padroado que conformaron vinte e unha institucións, entre elas os principais organismos dos distintos territorios do éuscaro, a Real Academia Galega, a Real Academia Española e o Institut d'Estudis Catalans. O presidente da RAG defendeu na súa intervención ante o pleno da Academia Vasca a necesidade de valorar e tratar as linguas cooficiais como un patrimonio común de toda a sociedade española.

O aniversario de Euskaltzaindia afondou en cuestións de interese compartido para as institucións que defenden linguas minorizadas. O programa serviu así de ocasión para sentar as bases da constitución dunha rede europea de academias de linguas minorizadas. Henrique Monteagudo participou na presentación, o pasado mes de xaneiro en Pamplona, do protocolo no que se insire esta iniciativa, da que a RAG forma parte xunto a Academia Vasca, o Institut d'Estudis Catalans, a Fryske Akademy, Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitana e EURAC - Institute for Applied Linguistics.

O académico Antón Santamarina foi outro dos membros da RAG que participaron na programación especial de Euskaltzaindia, cun relatorio sobre a riqueza toponímica de Galicia presentado no marco do Congreso Internacional de Onomástica celebrado o pasado mes de xuño en Vitoria. A directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega, Rosario Álvarez, interveu na xornada sobre as gramáticas no século XXI que tivo lugar en xullo en Donostia; e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, afondou nos recursos dixitais na utilización das fontes e nas ferramentas informáticas auxiliares para a redacción e a revisión do Dicionario da RAG no marco do congreso internacional sobre o contorno dixital, a estandarización das linguas e o éuscaro que se celebrou en setembro en Donostia. A Real Academia Galega estivo tamén presente neste encontro cun relatorio sobre as ferramentas dixitais para a divulgación da lingua a cargo da técnica de comunicación Iolanda Fernández. 

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente de Euskaltzaindia, Andrés Urrutia, no acto de clausura do centenario da Real Academia da Lingua Vasca
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete