O Dicionario pechou 2020 cunha media de máis de 105.000 buscas diarias

O Dicionario da Real Academia Galega superou en 2020 as 38.500.000 buscas, máis de 105.000 ao día de media. As consultas medraron case un 50 % con respecto ao ano 2019, cando xa se producira un incremento por riba do 18 % con respecto ao 2018 e se chegara ás preto de 26.0000.000 procuras. A entrada en vigor do primeiro estado de alarma por mor da pandemia marcou un punto de inflexión e rexistrou a marca histórica de buscas no mes de maio de 2020, que pechou con máis de 4.800.000.

O Dicionario en liña da Real Academia Galega funciona dende o ano 2013. Dende entón, esta ferramenta esencial da lingua galega non deixou de medrar, e a súa utilidade social fíxose aínda máis evidente en pleno confinamento, cando milleiros de persoas tiveron que teletraballar e os estudantes continuaron co proceso de aprendizaxe de xeito telemático.

O Dicionario está dispoñible na páxina web da institución, en academia.gal/dicionario, e a través do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do noso léxico posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié, que apoia ademais a actualización tecnolóxica do Dicionario e das súas aplicacións para iOs e Android.

As reunións presenciais das seccións e dos seminarios da Real Academia Galega suspendéronse durante o confinamento, pero a actividade científica da institución proseguiu. O Seminario de Lexicografía, responsable da revisión e da actualización do Dicionario, incorporou case un cento de lemas e realizou modificacións en case trescentas entradas, tanto para engadir acepcións, fraseoloxía, sinónimos ou antónimos como para mellorar a redacción das definicións e dos exemplos. Moitos dos lemas que se incorporaron son palabras que se popularizaron na fala cotiá en plena pandemia. É o caso de asintomático, covid-19, coronavirus, gotícula, desescalada, teletraballo ou triaxe.

A pandemia tamén deixou pegada entre as novas acepcións en lemas xa presentes no Dicionario. A entrada de gromo incorporou así o significado referido á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar; e a de repunta, a que atinxe á nova aparición de algo, especialmente dunha enfermidade epidémica, nun lugar en que xa estaba controlada ou en vías de desaparición.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete