A xornada sobre os nomes comerciais desenvolverase de xeito telemático

A celebración da V Xornada de Onomástica Galega. Os nomes comerciais, que ía ter lugar este sábado, 7 de novembro, no Museo de Pontevedra, será exclusivamente telemática debido á situación sanitaria actual. Todas as sesións poderán seguirse en directo dende esta ligazón. O programa, organizado pola Real Academia Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, analizará da man de distintos especialistas o uso do galego nos nomes comerciais, prestándolles atención a casos como os dos viños do Ribeiro, os bares e restaurantes do barrio vigués de Coia, os establecementos de Redondela ou, dende unha perspectiva histórica, os nomes de xornais. As experiencias en primeira persoa da zoqueira Elena Ferro, que designa os seus zocos con topónimos, das deseñadoras Irene García e Raquel Boo e de Xosé González Martínez, impulsor da campaña de etiquetado en galego "Con acento propio", pecharán o encontro.

"Os nomes comerciais constitúen unha liña de investigación sobre a paisaxe lingüística relativamente recente, malia seren unha parte bastante importante dende o punto de vista cuantitativo, porque a maior parte da rotulación, fóra dos nomes das rúas e das pintadas, son os nomes comerciais", explica a académica correspondente Ana Boullón, que coordina a xornada xunto á tamén académica correspondente Luz Méndez. "Polo tanto, os nomes das marcas tamén teñen un papel na normalización lingüística", engade.

O coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Antón Santamarina, abrirá o programa ás 10:00 horas cun breve relatorio sobre o nome da disciplina que estuda as marcas comerciais dende a perspectiva filolóxica. Deseguido, o profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado afondará na relación entre as marcas, as empresas e os dominios en Internet. A partir das 11:00 horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela falará da riqueza creativa a través da análise dunha serie de nomes de marcas e empresas galegas; e Sara Míguez exporá os resultados dun traballo de campo centrado na rotulación de locais dedicados a distintos tipos de negocios no concello de Redondela (Pontevedra).

A sesión da mañá concluirá cunha viaxe pola historia das cabeceiras dos xornais galegos a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e a ollada aos nomes das adegas, dos viños e dos licores do Ribeiro (Ourense) de Raquel Rodríguez Parada.

Coma nas edicións anteriores, dedicadas á microtoponimia, os nomes e apelidos, os alcumes e as rúas, nesta ocasión tamén se incidirá, da man de Celtia Rei, no valor pedagóxico da onomástica. A profesora presentará, xa pola tarde, a experiencia desenvolvida no IES Alexandre Bóveda de Vigo, onde o alumnado analizou os nomes de bares e restaurantes de Coia. A xornada concluirá coa mesa redonda protagonizada por Elena Ferro, Xosé González Martínez, Irene García e Raquel Boo.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete