Cursos de verán de lingua e cultura galegas

Cursos de verán de lingua e cultura galegas 2020

 

Cartel dos cursos
Premendo sobre a imaxe podes descargar o folleto
informativo dos Cursos de verán.

Os Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia veñen celebrándose de maneira ininterrompida desde o verán de 1988. Nos primeiros anos foron organizados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A partir de 1993 a devandita Dirección Xeral (hoxe Secretaría Xeral) estableceu un convenio coa Real Academia Galega (RAG), a través do seu Seminario de Lexicografía, e coa colaboración do ILG, para as tres institucións organizaren conxuntamente uns cursos que teñen como finalidade proporcionarlles ás persoas participantes a oportunidade de se familiarizaren coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Na actualidade os cursos seguen realizándose co apoio económico da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.

Estes cursos están dirixidos a alumnado e profesorado universitario que estea interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, o vinculado aos centros de estudos galegos das universidades de fóra de Galicia, aínda que están abertos a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia.

O programa dos cursos inicial e medio consta de clases de comprensión e expresión escrita e oral. O curso superior de lingua e literatura galegas consta de varios seminarios, que tratarán problemas de lingüística galega, textos e autores da literatura galega contemporánea e a formación e a historia social da lingua galega, entre outros temas.

Ao mesmo tempo, prográmanse actividades de ampliación cultural, que consisten fundamentalmente en conferencias sobre literatura, historia e outros eidos da realidade sociocultural de Galicia, así como na proxección de películas e documentais e visita a distintos lugares de interese cultural e natural de Galicia. Estas actividades realízanse de maneira conxunta para o alumnado de todos os niveis.

Estes cursos contribuíron de maneira moi importante a que hoxe a lingua e a literatura galegas teñan presenza en moitas universidades non só de Europa, senón tamén de América, Asia e Australia, e serviron de impulso para o estudo e a investigación sobre a cultura galega en todo o mundo. Esa presenza internacional, xunto cos moitos centos de persoas de moi diferentes nacionalidades que se expresan con toda naturalidade e normalidade en galego cando visitan Galicia, constitúe tamén un factor moi importante de prestixio para a nosa lingua e para a nosa cultura e, por tanto, un elemento de normalización moi relevante.

En 2020 terá lugar a trixésimo terceira edición destes cursos coa mesma ilusión dos primeiros anos, mais tamén coa seguridade de que os froitos serán, de novo, merecentes de todos os esforzos que fagamos tanto o equipo de dirección coma o profesorado e todo o persoal colaborador, entre o que figurarán, como é habitual, relevantes figuras da lingüística, dos estudos literarios, da cultura e da arte de Galicia.

Ficha de inscrición nos Cursos de verán de 2020

Folleto informativo da edición dos Cursos de verán de 2020

A data límite para a recepción de solicitudes é o 17 de abril de 2020.

Para calquera dúbida ou consulta pode dirixirse ao correo electrónico cursos@academia.gal

Axenda de actos Ver todos
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo / Carvalho Calero
Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo
Carvalho Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete