Recursos

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

A Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) recoñécelle á Real Academia Galega o criterio de autoridade para establecer a normativa e ditaminar cal é o uso correcto da lingua. Pídelle tamén a súa actualización e revisión en función do proceso de normalización do uso do galego. Este é o sentido das modificacións á Norma levadas a cabo en 1995 e efectuadas, con maior profundidade, no ano 2003.  Os cambios que se introduciron foron propostos por unha Comisión de Estudo -nomeada pola Academia  e integrada por catro académicos numerarios, tres representantes dos Departamentos de Filoloxía Galega das tres Universidades de Galicia e un representante do Instituto da Lingua Galega- e aprobados pola mesma Academia na sesión plenaria celebrada o 12 de xullo de 2003.
Pódense consultar aquí 

Vocabulario Ortográfico Galego (VOLGa)

Despois da aprobación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego no ano 1982, nunha sesión conxunta da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega, era necesario acometer o traballo complementario de elaboración dun estándar léxico do galego. Con esta finalidade no ano 1987, Antón Santamarina e Manuel González comezaron a traballar, axudados por un grupo de colaboradores, na elaboración dun Vocabulario ortográfico da lingua galega, que servise como punto de referencia para a grafía correcta do léxico.
O VOLGa pódese consultar aquí.

Cartografía dos apelidos de Galicia

A Cartografía dos apelidos de Galicia (CAG) é un proxecto do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela que constitúe unha ferramenta para coñecer a difusión territorial dos apelidos de Galicia. Esta ferramenta sérvese dun sistema de información xeográfica que combina a estatística e a análise espacial. A páxina facilita información acerca do número de apelidos que se rexistra en cada concello sobre a porcentaxe de apelidos do mesmo, tendo en conta o número total de apelidos. A información que proporciona a CAG actualízase con regularidade con novas achegas e resulta útil non só para o interese persoal, senón para a investigación en múltiples disciplinas como dialectoloxía, sociolingüística, demografía ou xenealoxía. 
Aquí pódese consultar a Cartografía dos apelidos

Dicionario de alimentación e restauración

Este dicionario recolle aproximadamente 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalentes en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos. A súa finalidade é a de reunir os termos da linguaxe culinaria e gastronómica máis relevantes.
O Dicionario de alimentación e restauración pódese consultar aquí.

Dicionario de pronuncia da lingua galega

Este dicionario propón un modelo de pronuncia da lingua galega na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala. A súa finalidade última é a de ofrecer un referente de galego oral para os ámbitos públicos, de maneira que a súa fonética sexa máis próxima á do galego histórico (o herdado polos galegofalantes, fronte a outros referentes desenvolvidos por contacto co español) e, xa que logo, máis coherente cos criterios que presiden a formación do estándar escrito do galego. Actualmente, encóntrase integrado no Dicionario da Real Academia Galega 'en liña', pero tamén pode consultarse directamente.

Dicionario galego das telecomunicacións

O DIGATIC (Dicionario Galego de Telecomunicacións) é un proxecto desenvolvido pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG) que pretende pór un amplo léxico técnico en galego a disposición da comunidade tecnolóxica. Desde novembro de 2008, un equipo de tecnólogos, lexicógrafos e deseñadores de aplicacións, entre outros especialistas, traballa na procura dun conxunto proveitoso de termos que facilite a utilización e a propagación da nosa lingua dentro deste ámbito. 
Aquí pódese consultar o DIGATIC

Dicionario galego de televisión

Dicionario galego de televisión nace da necesidade de nomear en galego cada elemento da produción televisiva, permitíndonos comprender e identificar a que nos estamos a referir en cada momento desde as distintas especialidades que interveñen nela: a telecomunicación, a iluminación, a edición, a preprodución, a redacción xornalística, a programación, a análise de audiencias, a deontoloxía, a teoría da comunicación, a xestión de medios, etc. Este dicionario pretende ser tamén unha aposta pola palabra galega, se ben tamén se reollen neoloxismos estranxeiros, a cada termo foráneo. 
Consúltase aquí.

Mapa sociolingüístico de Galicia

Desde o ano 1990, o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega desenvolveu diversos e ambiciosos proxectos para a análise e o coñecemento da situación da nosa lingua que permiten deseñar e aplicar medidas de actuación axeitadas á realidade. Entre os diferentes estudos, é salientable o Mapa Sociolingüístico de Galicia (MSG), que consta de tres volumes: Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia (1994), Usos lingüísticos en Galicia (1995) e Actitudes lingüísticas en Galicia (1996). Máis recentemente, levouse a cabo unha actualización do traballo e hoxe contamos con tres volumes do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004:
Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia. Vol.1.
Usos lingüísticos en Galicia. Vol.2.
Actitudes lingüísticas en Galicia. Vol.3.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete