O presidente da RAG abre a Semana Cultural do IES Antonio Fraguas
O presidente da Real Academia Galega inaugurou esta mañá a Semana Cultural do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, dedicada ao intelectual que lle dá nome ao centro, protagonista do Día das Letras Galegas de 2019. Víctor F. Freixanes pronunciou unha conferencia na que salientou os diversos perfís que converteron o etnógrafo e profesor na persoa elixida para celebrar o vindeiro 17 de maio, unha conmemoración para a que cada vez, "afortunadamente", hai máis candidatos e propostas.
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, presentou a conferencia do presidente da RAG no marco dunha xornada inaugural na que tamén acompañou a comunidade educativa do IES Antonio Fraguas o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, entre outros representantes institucionais.
A de Antonio Fraguas é unha das biografías destacadas do galeguismo que percorreu practicamente todo o século XX e todas as súas circunstancias, desde o traballo das Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos nas primeiras décadas ata a creación do Museo do Pobo Galego, explicou Víctor F. Freixanes. O presidente da RAG puxo tamén o acento na condición de profesor do homenaxeado, recoñecendo a través del a todos os docentes que cada día traballan para a "sementeira da cidadanía do futuro". Un mestre innovador que sacaba o alumnado das aulas para aprenderlle a interpretar a realidade desde o territorio propio, expresou.
Antonio Fraguas é ademais, cos seus traballos etnográficos e a súa fidelidade á lingua materna, "a memoria da cultura popular, raíz da nosa identidade que mantivo durante séculos un pobo leal á súa lingua", concluíu.
Tras o relatorio, a comunidade educativa e as autoridades plantaron un carballo conmemorativo na memoria de Antonio Fraguas. A árbore procede do concello de Cercedo-Cotobade, de onde era natural o homenaxeado, e foi plantada con terra procedente da súa casa familiar.
Axenda de actos Ver todos |
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González |
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h Charla da campaña Toponimízate nas Neves |
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel |
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade |
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén |
Boletín da Real Academia Galega
nº 379
Cadernos de Lingua
nº 36
Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(23ª ed.)
Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega