As Letras Galegas, sobre o papel e en versión dixital

A vida e a obra de Antonio Fraguas enchen estes días os andeis das librarías do país con títulos para todas as idades. Co gallo do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica neste 2019 ao etnógrafo, historiador, xeógrafo e profesor, estanse a reeditar os títulos máis populares da súa obra. Tamén vén a luz novos volumes que recompilan traballos do autor que permanecían espallados, pero de grande interese, e biografías que achegan ao público de distintas idades o perfil humano e intelectual dun galeguista cunha traxectoria que percorre o século XX. A oferta esténdese á Rede, onde pode lerse o seu discurso de ingreso na Academia e moitos outros artigos de temática diversa.

A Real Academia Galega tamén lle está a dedicar a Antonio Fraguas a Primavera das Letras, o seu proxecto web para o público máis novo, e distintos contidos divulgativos dispoñibles na sección Letras Galegas de academia.gal e no Portal das Palabras.

Desde o sector editorial, Galaxia celebra as Letras Galegas coa biografía que asina Malores Villanueva, Antonio Fraguas. Mestre da memoria, e o lanzamento da Biblioteca Antonio Fraguas. Baixo esta colección xa reeditou Romarías e santuarios e o Cantigueiro de Cotobade, nesta ocasión en forma de libro-cedé. Sonsoles Peñadique e Carlos Quintá, o dúo Oradaladou, póñenlles música a unha escolma das preto de mil cantigas que Fraguas recolleu na súa terra natal, que tamén son a base doutro libro-disco desta editorial, Canta, miña pedra, canta. Esta última é a proposta para o público máis novo do músico Xoán Curiel, con ilustracións de Nuria Díaz.

Tamén se dirixe á infancia a biografía no mesmo selo de Xosé Neira Cruz, As vidas de Antonio Fraguas, que se suma a outros títulos para o público infantil e xuvenil como o tamén libro biográfico escrito para Xerais por Héctor Cajaraville, Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo; ou a segunda entrega da colección da detective Peregrina de Lela Edicións, A detective Peregrina e o insólito "caso Antón Fraguas".

Outro xeito de achegarse ao protagonista das Letras Galegas é o que ofrece Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios, cunha serie de unidades didácticas coordinadas por Charo Baleirón e publicadas por Hércules Ediciones.

O Consello da Cultura Galega ofrece na Rede outro amplo itinerario para coñecer, a través de 40 lugares relacionados coa vida e obra de Antonio Fraguas, manifestacións do rico patrimonio cultural que el contribuíu a divulgar e preservar. Son 120 quilómetros que percorren as provincias de Pontevedra e Ourense, foi deseñado polo etnógrafo Clodio González, académico correspondente e membro da Fundación Antonio Fraguas. A mesma institución reeditou os primeiros traballos etnográficos de Fraguas nunha edición a modo facsimilar que tamén está dispoñible na súa páxina web.

O autor tamén estivo moi vinculado á cidade da Muralla. Nesta etapa profunda o proxecto Os nove anos de Fraguas en Lugo, artellado arredor dunha web desde a que se pode acceder a un volume sobre esa etapa vital, nos anos 50 do século pasado, e construído con testemuños e outras achegas de amigos e exalumnos do homenaxeado nesta localidade. De novo sobre o papel, Adolfo de Abel Vilela presenta este mércores no Vello Cárcere de Lugo Antonio Fraguas Fraguas. Lugo, a etapa da liberdade e do recoñecemento intelectual e social (1950-1959).

Pero a cidade onde máis tempo viviu foi Santiago, a protagonista dun par de artigos recompilados en Notas compostelás, unha edición de Galaxia coa colaboración do Consorcio de Santiago. A mesma editorial tamén publicou Do tempo e dos astros, que achega outros dous artigos de Fraguas sobre o culto aos mortos e crenzas populares arredor dos astros; ou O santuario da Franqueira.

En Santiago, no salón de Fonseca, terá lugar hoxe unha homenaxe máis a este veciño ilustre organizada pola Universidade. Neste acto presentarase o volume  conmemorativo Antonio Fraguas: a cultura como forma de vida.

Alén das novidades editoriais, unha obra imprescindible sobre don Antonio segue a ser o libro de homenaxe que publicou o Museo do Pobo Galego co gallo do seu centenario, Antonio Fraguas Fraguas 1905-1999.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete