A Academia difunde cada día do mes das Letras a serie de microespazos audiovisuais 'Unha palabra para don Ricardo'

A Real Academia Galega programa para o mes de maio a serie 'Unha palabra para don Ricardo', un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Ricardo Carballo Calero que conforman un retrato colectivo do protagonista do Día das Letras Galegas 2020. Os microespazos poderán verse a través da web e das redes sociais da institución e tamén serán difundidas pola CRTVG.

Unha palabra para don Ricardo conta coa participación de académicos e académicas de número, académicos correspondentes e distintas persoas que tiveron algunha relación co autor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Cada participante elixe unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado ou que retrata un trazo persoal, unha faceta ou unha obra do autor que valora especialmente. Compromiso, galego cabal, poeta, filólogo, galeguista, soñador, lingua, gramática, orador, ou independente son algúns dos termos a través dos cales irán debuxando un retrato colectivo que inclúe tamén nalgúns casos a lectura de poemas ou textos de referencia de Carballo Calero. "Son intervencións breves que, no seu conxunto, conforman un poliedro de voces, admiracións e afectos", salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.

A emisión da serie comezará este venres, 1 de maio, coa lembranza do homenaxeado que garda o académico Salvador García-Bodaño. O poeta evoca a celebración en 1963, no salón artesoado do pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, do primeiro Día das Letras Galegas, unha data histórica en que Ricardo Carballo Calero pronunciou unha conferencia sobre a súa protagonista, Rosalía de Castro, e a obra Cantares gallegos. Salvador García-Bodaño tamén tomou a palabra naquel acto xunto ás primeiras autoridades académicas e outros tres poetas novos: Xohana Torres, Carlos Casares e Arcadio López-Casanova, que andando o tempo serían, coma el, académicos. A este festa inaugural do 17 de maio refírese igualmente o académico Antón Santamarina, daquela outro estudante, que define o profesor Carballo Calero como orador excepcional.


O académico Salvador García-Bodaño abre a serie de microespazos dedicada a Ricardo Carballo Calero


Ademais dos citados, na serie participan os académicos e académicas de número Euloxio Rodríguez Ruibal, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo, Rosario Álvarez, Fina Casalderrey, Francisco Fernández Rei, Ramón Villares, Xosé Luís Regueira, Manuel González, Ana Romaní, Andrés Torres Queiruga e o presidente, Víctor F. Freixanes; así como os correspondentes Gonzalo Navaza, Mercedes Queixas Zas, Francisco Cidrás, Goretti Sanmartín e Fernando López-Acuña xunto a Darío Villanueva, Eduardo Maragoto e mais os estudosos da vida e obra de Carballo Calero Araceli Herrero Figueroa, Carmen Blanco, José Luís Rodríguez, Pilar García Negro, Claudio Rodríguez Fer, Pilar Pallarés, Henrique Rabuñal e Martinho Montero. Algunhas gravacións destes últimos realizáronse na biblioteca do Parlamento de Galicia nunha iniciativa promovida pola Associaçom Galega da Lingua (AGAL).

A produción por parte da RAG destas minipezas audiovisuais é unha iniciativa extraordinaria para "unhas circunstancias extraordinarias", expresa o presidente Víctor F. Freixanes na Tribuna de academia.gal que lle dá a benvida a un mes das Letras Galegas marcado pola pandemia do coronavirus. A serie realizouse coa colaboración da produtora Arraianos e dos participantes. A maioría gravou as propias intervencións durante o confinamento que comezou o pasado 15 de marzo, con teléfonos móbiles ou cámaras web.


A académica Margarita Ledo nun momento da súa intervención, baseada na poesía de Carballo Calero


O 31 de outubro, nova data para o pleno extraordinario
A Real Academia Galega reforzará na Rede con esta e outras iniciativas a celebración do Día das Letras Galegas durante un mes de maio en que será imposible desenvolver o calendario de actividades presenciais previstas inicialmente en homenaxe a Ricardo Carballo Calero. A web primaveradasletras.gal fornecerá de recursos lúdicos e didácticos os nenos e nenas, o Portal das Palabras achegarase á obra do autor dende o léxico, e academia.gal ofrecerá reportaxes e entrevistas sobre Carballo Calero e iniciativas diversas que se están a desenvolver por todo o país para revivir o seu legado.

A institución decidiu adiar o pleno extraordinario do 17 de maio ata o vindeiro 31 de outubro, cadrando co cento dez aniversario de Ricardo Carballo Calero e agardando que para aquela data as circunstancias sexan máis propicias. A cita mantense no teatro Jofre de Ferrol, cidade onde o poeta, narrador, dramaturgo, filólogo e profesor naceu en 1910.

Como é costume, o outono tamén será o tempo do Simposio das Letras Galegas, onde se recollerán distintas achegas de carácter científico arredor da figura e do herdo intelectual do homenaxeado. A RAG prevé rematar o ano cunha coidada edición da correspondencia cruzada entre Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, realizada en colaboración co Parlamento de Galicia, a Fundación Penzol e a Fundación Otero Pedrayo. Son en total máis de 180 cartas editadas e anotadas por Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez, acompañadas dun ensaio introdutivo de Henrique Monteagudo e dun epílogo de Xesús Alonso Montero. Polas mesmas datas distribuirase unha edición facsimilar da primeira edición da Historia da Literatura Galega Contemporánea (Galaxia, 1963), unha das obras máis representativas de Ricardo Carballo Calero.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete