A EMOCIÓN DA HISTORIA NA OBRA DE XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ X. L. Méndez Ferrín
Calquera estudoso da obra de Xosé María Álvarez Blázquez se decata da presenza na súa obra do alento da emoción da historia que actúa como motor básico e que reúne na mesma persoa a hipersensibilidade do lírico e a arte de construtor de textos literarios sabios e complexos, a curiosidade sen límite polos feitos e cousas do pasado, mesmo polas nimiedades, e o alento e a ambición para comprender, ordenar e conceptualizar épocas e sucesos que el recibiu doutros historiadores en estado amorfo. A primeira pegada que deixa na obra do noso autor este alento historicista é que Xosé María se mostra como o principal responsábel da idea de Historia da Literatura Galega comunmente aceptada e consensuada nos nosos días. A Historia da Literatura Galega é unha obra colectiva que Xosé María, co seu contributo múltiple, fixo máis nobre e sólida achegando a idea dunha cultura literaria en movemento no seo das correntes de transformación do corpo nacional galego. Neste senso construtivo, Álvarez Blázquez foi facendo achegas que amplificaron os horizontes cronolóxicos e valorativos da nosa historia literaria: non só descubriu textos senón que, eventualmente, practicaba neles a difícil técnica da atribución dos anónimos e considerábaos con criterios valorativos ou estéticos e así quedaron listos para robustecer os muros, nalgúns lenzos enfeblecidos ou derruídos, da nosa Historia Literaria. Son bos exemplos o da Oda de Belmiro e Benigno e o do Entremés famoso sobre da pesca do río Miño, textos que publica, estuda e atribúe o primeiro a Nicomedes Pastor Díaz con criterios de xeral aceptación pola crítica. Con estas obras, o noso autor ensínanos que hai produción galega anterior ao Álbum de la Caridad e que antes dos Precursores había inequivocamente outros Precursores e, digo eu, tras destes, outros que, nos sitúan, como acontece sempre que tratemos do Rexurdimento, no Coloquio e na paixón das orixes do P. Sarmiento, precursor á súa vez de Xosé María Álvarez Blázquez. Ora como descubridor, ora como organizador, e sempre coa pena a punto para a pertinente nota crítica con criterios valorativos, Xosé María dá a luz en 1959 (Galaxia) o volume II da Escolma de Poesía Galega correspondente aos séculos XIV a XIX. Nesta obra fundamental, pártese do principio implícito de que hai literatura e aínda grande literatura neste período que chamamos ?Séculos Escuros?. Ata o traballo de Xosé M.ª Álvarez Blázquez, os estudosos dos Cancioneiros, Carolina Michaëlis, J. J. Nunes, Rodrigues Lapa, Varnhagem, Teóphilo Braga, Pellegrini, Tavani, Celso Ferreira da Cunha, traballaron na disciplina filolóxica, no estabelecemento textual, no terreo da socialización histórica, na codicoloxía, na música, na xenealoxía, na
263 Nº 369