252
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
representación do ?outro? noneuropeo reactualizada no XIX con novas categorías raciais), dun valor específico a cada raza tendo en conta os seus supostos logros e potencialidades. Pese a (ou tal vez gracias a) esa indefinición e arbitrariedade clasificatorias, o funcionamento dunha separación radical da humanidade en razas superiores e inferiores, ou en razas dominantes e dominadas, non era menos sobranceiro nos seus escritos (por máis que tampouco se detivese a explicalas causas da ?superioridade? e da ?inferioridade? raciais). A este respecto Murguía artellaba a grandes trazos unha xerarquía racial tripartita (semellante en certos aspectos á clasificación racial do paleontólogo Georges Cuvier ou á triple xerarquía de Ernest Renan) que seguía unha orde descendente de maior a menor valor ?xerarquía que polo demais ficaba sempre implícita na súa obra. No cumio desa xerarquía estaban as superiores razas arianas3, razas europeas e brancas, falantes de linguas indoeuropeas. A estas razas pertencían os pobos máis avanzados da terra; os máis progresivos, valentes, intelixentes, activos e traballadores. Eles foran os que ó longo da historia crearan as manifestacións máis perfectas de civilización e a eles correspondía o espallamento da mesma por outros continentes e entre xentes aínda sen civilizar. Era ás razas arianas a quen dende un comezo a propia divindade concedera o dominio sobre toda a terra, destino que se estaba a cumprir agora gracias á expansión europea e ó subsecuente dominio e colonización de novos territorios (Murguía, 1888a: 1518). Era precisamente este optimismo verbo do destino das razas arias e a súa confianza nesa especie de ?teleoloxía ariana? o que levaba ó autor galego a disentir das teses pesimistas daquel escritor a quen ás veces se ten denominado (erroneamente) ?pai da ideoloxía racista?: o Conde de Gobineau. Se este sostiña que as razas arias superiores acabarían (nun prazo de tempo non moi longo) por desaparecer e dexenerar víctimas dos cruzamentos incontrolados con razas inferiores (razas nonbrancas); Murguía reafirmaba pola contra a súa esperanza no glorioso futuro dos arios, lembrando tanto a ?promesa? divina que lles concedía o dominio da terra (Murguía, 1865: 481), como a xeral repugnancia das razas superiores (brancas) a mesturarse con aquelas que lles eran inferiores (nonbrancas) (Murguía, 1865: 479).