MANUEL MURGUÍA
201
común, son de grande importancia: as crenzas do tipo das que Murguía denuncia constituían, de feito, factores intelectuais que viñan bloqueando a consideración do galego como lingua de seu, e polo tanto, a súa reivindicación e o seu cultivo. A pesar de que no momento en que se publica a serie de artigos que estamos a comentar, a literatura medieval en galego permanecía practicamente descoñecida, salvo noticias máis ou menos vagas sobre a lírica trobadoresca galegoportuguesa5 e sobre os textos do cancioneiro galegocastelán incluídos no C a n c i o n e ro d e B a e n a (publicado en 1851), o noso autor defende que na Idade Media o galego se constituíra en lingua literaria antes do que o castelán. Sobre o último aspecto comentado, Murguía estaba pouco máis ou menos nas mesmas cando redactou as trinta e tantas páxinas dedicadas ó idioma no primeiro volume da súa Historia de Galicia, publicado en 1865. Ende ben, nestas páxinas, que como dixemos son as máis importantes das que o autor dedicou ó galego, revélase unha mutación significativa verbo da cuestión das orixes, pois o latín cede ó celta o seu posto de devanceiro ilustre do galego6. Entre a abundante bibliografía que cita para apoiala súa exposición, dous títulos son especialmente reveladores das influencias que se atopan detrás da súa inflexión celtista: as obras do erudito portugués Francisco de S. Luiz (tamén coñecido como Cardeal Saraiva), Memoria em que se pretende mostrar que á Lingua Portuguesa não he filha da Latina nem esta foi em tempo algum a lingua vulgar dos lusitanos7, e do historiador francés Granier de Cassagnac, Antiquité des patois, anteriorité de la langue française sur le latin (Paris, 1859). Coidamos conveniente deternos un intre neste punto para facer algunha precisión sobre o celtismo de Murguía e en xeral do galeguismo decimonónico. En primeiro lugar, xulgamos que sería conveniente distinguir entre o celtismo historiográfico, o celtismo literario e o celtismo lingüístico, pois, aínda que se trata de aspectos conexos dun mesmo fenómeno xeral (a celtomanía) ata onde acado, teñen orixes e traxectorias polo menos parcialmente diversas, e chegan a Galicia por distintas vías e en momentos diferentes. O celtismo historiográfico é de orixe basicamente francesa, e atinxe o noso país en 'versión orixinal'; o celtismo literario ten raíces británicas (McPherson/Ossian, xa no século XVIII, e despois W. Scott)8, e a súa voga, de alcance europeo, axiña se alía coa da novela histórica, o anticuarianismo e o medievalismo; o que nos interesa agora, o cel