Alocucións académicas sobre Xosé María Álvarez Blázquez no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O primeiro de todos foi a recuperación dun clásico polo que poucos apostaban: o Catecismo do labrego, de Valentín Lamas Carvajal, publicado por primeira vez nas páxinas de O tío Marcos da Portela (1876) e en forma de libro en 1889. A acollida foi espectacular. Non é doado concretar cifras, pero entre 70.000 e case 100.000 exemplares puideron venderse das 15 edicións do Catecismo..., que axiña empezou a circular non só polas librerías, senón polas festas, os rueiros, as feiras, os quioscos, de man en man, mesmo nas ferraxerías se vendía. Darío Xohán Cabana salienta que os libriños de O Moucho chegaron a distribuírse ata en 230 puntos de venda de Galicia, cando a cifra habitual para o libro galego naqueles anos non sobordaba o medio cento. Ben os lembro, con dezaseis e dezasete anos, no trinque do quiosco de Puga, na praza de abastos de Pontevedra, por exemplo, entre os xornais que viñan de Madrid e as noveliñas baratas de Marcial Lafuente Estefanía, coma unha festa de cogomelos, mais tamén nos tenderetes da feira de Santiago despois, e nas mesas das asociacións culturais que saían á rúa o Día das Letras Galegas, agora coma unha explosión de pampullos? En total publicáronse 64 títulos: inconfundibles, entre 40 e 70 páxinas, cun deseño do debuxante Pedro Bofill. Alternaban asuntos populares, rescatados da tradición no obradoiro da propia editora, con textos de autores vellos e novos: dende o Retorno a Tagen Ata de X.L. Méndez Ferrín a Otero Pedrayo e Ánxel Fole, dende a recuperación de Yeats da man dos irmáns Villar Ponte e Plácido Castro no 34, as obriñas de Manuel María, Lois Diéguez, Vázquez Pintor ou o propio Xohán Cabana, pasando polo Ciprianillo e as Chispas da Roda de Fernando Quesada, do que se venderon 80.000 exemplares. Literatura popular, na tradición dos clásicos. O segredo do éxito da colección, que ten os seus precedentes naquelas outras empresas inspiradas nos anos 20 polas Irmandades da Fala, Céltiga e Lar, hai que enxergalo no contexto do momento: os derradeiros anos 60 e os anos 70, tempo de forte axitación cultural, cunha rede activa de asociacións e grupos a prol da difusión da cultura, rexa militancia de base á procura de novos espazos para a lingua, alén dos necesariamente limitados circuítos de carácter culto e do prestixio intelectual nos que viña centrando a súa estratexia a Editorial Galaxia que dirixía dende Compostela Ramón Piñeiro. Xosé María Álvarez Blázquez empata coa acción directa e intenta o seguinte paso: romper o círculo, abrir novos territorios. A selección de temas populares, a meirande parte deles preparados na redacción da editora, busca un público diferente, sen renunciar aos creadores, que teñen na colección un punto de referencia sempre que se axusten á dimensión das obriñas e o número de páxinas. O prezo (30 pts. unidade) e mais a distribución son outros factores determinantes. A caracterización do deseño, recoñecible entre calquera outro, identifican a colección e definen o novo público ao que quere dirixirse. As tiraxes andaban entre 2.000 e 3.000 exemplares, con 5.000 nalgúns casos. Nunha nota dos editores, datada en 1976, que tiramos do documentado estudo de María Dolores Cabrera no Caderno Especial que dedicamos a don Xosé María na revista GRIAL,
261 Nº 369