BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
Xosé María Álvarez Blázquez, como a maior parte dos homes que levaron até os anos sesenta do século pasado o peso do labor arqueolóxico en Galiza, non foi un profesional desta ciencia. A súa formación será a dun autodidacta, que a partir dos primeiros anos da década dos corenta se integra no grupo de investigadores, moitos deles procedentes do Seminario de Estudos Galegos, e que dende o compromiso co país han continuar nuns tempos de opresión a vizosa laboría desenvolvida ao longo do primeiro terzo do século XX, que fora tan violentamente interrompido pola guerra. Fóra dos traballos da súa adolescencia, algúns deles xa mencionados, será xa andados os anos corenta do século pasado cando a súa tarefa arqueolóxica atinxa un especial relevo. Por este tempo debeu estreitar a relación cos estudosos que denantes da conflagración salientaran neste eido, como López Cuevillas e Bouza Brey, e tamén Lorenzo Fernández e Fraguas Fraguas, quen pese ás pexas e os riscos existentes, retomaran paseniño o traballo coutado en 1936. A este núcleo hai que engadir os nomes de Taboada Chivite, Ferro Couselo e Chamoso Lamas, así como os de Monteagudo García, Sobrino LorenzoRuza ou García Alén (Alfredo) e o propio Álvarez Blázquez, que se irán incorporando ao longo da década dos corenta e comezos dos cincuenta. O ermo cultural que se instala logo da guerra e a represión que se exerce marcarán esta nova andaina no proceso de restauración da identidade de Galiza. Esta situación afectará tamén á arqueoloxía, que debe ser caracterizada por eses anos como unha arqueoloxía de resistencia. Desaparecido o Seminario de Estudos Galegos, a institución que abeirara e impulsara todo o frutífero traballo feito na preguerra, unha Universidade na que a arqueoloxía como disciplina académica non contaba (Armada Pita, 20032005) e as propias circunstancias persoais dalgúns dos seus investigadores, que haberían aturar represalias e o exilio interior, deseñaban un escenario no que o seu estudo se facía dificultoso e nada favorable dende unha perspectiva galeguista (García Martínez, 2007: 53). O desmantelamento do SEG suporá, de par da perda de vidas, a represión e estrañamento de moitos dos seus membros e a paralización de todo un intento de modernización do país, no que a investigación ocupaba lugar fundamental. Tallábase tamén unha forma de traballo interdisciplinaria, innovadora, en equipo, que comezaba a dar excelentes resultados, e perdíanse as magníficas relacións establecidas con diversas universidades e centros científicos da península e doutros países europeos, tan imprescindibles para a actualización do coñecemento. O campo dos estudos de prehistoria e arqueoloxía tivo na institución un lugar preponderante e abríronse novas perspectivas de análise e sistematización (Prado Fernández, 1997). A falla dunha cobertura institucional déixase sentir e o labor individual, de habelo, desenvolverase nos primeiros anos da década dos corenta na máis absoluta precariedade e baixo innumerables atrancos. Neste tempo non haberá traballos de campo e a escasa produción bibliográfica aparecerá en revistas portuguesas, algunha en galego, ou nas galegas que seguiron a publicarse, obviamente en castelán, tratándose con probabilidaNº 369 136