Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Desta poliédrica actividade é a materia arqueolóxica a que aquí nos interesa. A súa inclinación por esta comezou axiña, segundo todas as referencias, cando mociño. No libro referido, dise que aquela disciplina fora ?unha paixón que prendeu nel nos días da adolescencia tudense? (Álvarez Cáccamo, 2008: 17), paixón que non habería deixalo até a morte. As propias palabras do autor, que naquel se recollen, son esclarecedoras: ?O gusto polo primitivo, a simpatía por todo o balbuciente, por todo o que comeza? (Álvarez Cáccamo, 2008: 176), contribúe a comprender ese afecto pola prehistoria e as arqueoloxías, pola orixe das culturas, das antergas amosas da actividade do home nesta terra. O que era algo inherente á súa personalidade, adquire logo unha dimensión de compromiso que encontra un campo de traballo idóneo nese estudo das orixes e formación da realidade galega e do noso ser como pobo. En palabras de Álvarez Cáccamo, ?Esa pulsión de regreso á semente nace da necesidade temperamental e política de camiñar na procura das raíces de nós, do ser de Galiza, da matriz que nos explica e xustifica? (2008: 177). En Tui terá un referente inmediato en D. Manuel Fernández Costas, un dos primeiros eruditos que se ocuparon da recollida e exame das industrias líticas prehistóricas naquela zona (Fernández Costas, 1929 e 1930) e que, segundo testemuña o propio autor, en 1934 foran ?as agarimosas verbas de alento do meu querido mestre don Manuel Fernández Costas? as que o convenceron para publicar na revista Nós o seu traballo sobre do xa citado castro de San Xoán de Baión, en Vilanova de Arousa (Álvarez Blázquez, en Méndez Quintas, 2008, 217). Non obstante, este artigo non chegou a ver a luz na devandita revista, ficando inédito até este seu ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Dedúcese do que antecede que Fernández Costas fose naqueles tempos de principiante o seu valedor nestas angueiras. Os balbos pasos iniciais no mundo da arqueoloxía acadan un punto de inflexión co traballo intitulado ?A necrópole prerromana de Coreses? (vila zamorana á que fora desterrado a raíz da suspensión como escolante que lle impoñen os sublevados), que escava en 1939 e cuxos resultados redacta en 1940. Este escrito, inédito até 2008 (Álvarez Blázquez, en Méndez Quintas, 2008: 227244), pon de manifesto un meirande dominio da bibliografía e soltura na presentación, sendo o máis interesante nesta súa primeira etapa arqueolóxica. É de subliñar que no escaso tempo que permanece na escola de Coreses se preocupase polo coñecemento da cultura protohistórica desta área, pertencente ao mundo ibérico, extremo que deixa albiscar esa inclinación temperamental ás orixes, que se mencionou máis arriba. Di o noso autor con respecto a este traballo que o fixo co propósito de contribuír ?sequera sexa humildemente ao esclarecemento do pasado histórico da provincia, á que nos ligan lazos de non moi afastada oriundez? (Álvarez Blázquez, en Méndez Quintas, 2008: 227). Neste sentido lémbrese que o seu avó paterno Emilio Álvarez Giménez, destacado erudito que inicia a preclara xinea dos Álvarez, que afinca en Pontevedra como profesor do seu Instituto, nacera na Pobra de Sanabria.
135 Nº 369