246
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
ocasións e por outros autores (González Reboredo, 1974; Mandianes Castro, 1986; Rodríguez Campos, 1991; Blanco Pérez, 1994; Mato Domínguez, 1994). Por iso, e aínda que se trate dun elemento importante da faceta investigadora de Murguía no eido da antropoloxía, non será unha parte principal deste traballo. O pensamento antropolóxico murguiano inclúe ademais as súas opinións sobre a orixe e a antigüidade da humanidade, sobre os comezos da civilización, e sobre a influencia do factor racial no comportamento humano ou na propia configuración das sociedades. Por máis que Murguía non fose un antropólogo, nin etnólogo nin arqueólogo, todos estes temas atoparon, en maior ou menor grao, un reflexo nos seus escritos, o cal situaba o noso autor no contexto máis amplo dos problemas e dos debates que durante todo o século XIX preocuparon e engaiolaron os eruditos e o público occidentais. Como home do seu tempo, que ademais estaba familiarizado cunha boa parte da producción intelectual da época (como demostraba a través dos seus escritos), a obra de Murguía non podía senón facerse eco destas e doutras cuestións de interese ?antropolóxico?. E inclúe tamén ?e isto é da meirande importancia? aqueles presupostos que debían guialo seu traballo sobre a ?cultura popular? galega (que o inserían nalgúns dos enfoques antropolóxicos que estaban presentes por entón) e que en ocasións condicionaban incluso o seu xeito de ollar (e de achegarse) á historia de Galicia e á propia identidade galega. Por iso resulta de especial interese dilucidalas influencias de Murguía verbo disto, así como o lugar que eses presupostos antropolóxicos ocupaban no seu pensamento e no seu labor erudito. Nestes aspectos da ?antropoloxía? de Murguía ?temas, premisas e enfoques? é nos que centrarei a miña análise nas páxinas seguintes. Pero o achegamento á obra de Murguía non só posibilita o coñecemento dun determinado xeito de pensar e de traballar nunha época, nun lugar, e nun individuo concretos. Permite ademais observala interacción existente entre o traballo investigador e os compromisos ideolóxicos presentes nos mesmos. E non hai dúbida que a este respecto Manuel Murguía é un autor privilexiado. Pois non cómpre esquecer que a súa longa vida, as súas moitas actividades e,