BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Xosé María Álvarez Blázquez no Día das Letras Galegas
métrica, pero nunca se aventuraran na interpretación estilística e na lectura dos nosos trobadores medievais como autores dotados de individualidade que deben ser sometidos a crítica valorativa. Coma sen querer, desde logo sen énfase, Xosé María considera os nosos trobadores autores únicos dotados cada un de propiedades diferenciais diversas, comezando por ese Afonso o Sabio que o consenso necio privaba de orixinalidade. Naturalmente, a nova estilística, que era a ciencia da literatura e a metódica que privaba na hora da redacción dos textos críticos que acompañan os autores da Escolma, non é chamada en axuda por Xosé María e achamos que os seus xuízos críticos son os dun impresionista, polo que agora lle estamos ben agradecidos, e teñen unha frescura e contundencia que nos pon o corazón de pé. Para Xosé María, as cántigas de amigo, popularizadas xunto con composicións líricas axenéricas de Afonso o Sabio, conforman o conxunto máis nobre e alto da nosa lírica medieval. Para el, o universo de escarnio e maldicir é de altísima importancia, pro de nivel xerárquico menor o cal se deduce do reducido número de composicións deste tipo recolleitas por el. As cántigas de amor nótanse, en xeral, non moi apreciadas polo noso autor e consideradas distantes da nosa sensibilidade contemporánea. Poetas que permanecían escurecidos no ventre dos Cancioneiros ou mal representados nas antoloxías son literalmente descubertos e enfocados para a contemporaneidade por Xosé María. Miñas donas e meus señores: existe unha certa tendencia académica a enxergar a literatura galega medieval como un todo compacto e sen evolución. Tal visión plana dos Cancioneiros non adoita reparar en que estes son parte dunha literatura, nacional e europea, e en que esa literatura ten unha historia. Podería eu turrar do fío do tapiz crítico que Xosé María tecera coa súa erudición e perspicacia poética ao longo da vida. O resultado do seu traballo e da súa lealdade vital e intelectual a Galicia foi xurdio. Moito do sistema de valores e a historia da literatura galega tal como son comunmente aceptados foi ideado por Xosé María Álvarez Blázquez, singularmente no que se refire á poesía medieval e á literatura dos anos da Decadencia, pro non só. Só quixera engadir que, así no tempo medieval como no que se vén chamando o dos Séculos Escuros, Xosé María non só cualificou e definiu literariamente senón que tamén, mediante un pertinaz e escravo labor de investigación, fixo xurdir do esquecemento, do pozo piago da ignorancia, da incuria producida pola colonización secular de Galicia, autores e textos dos que non sabiamos nada ou que tiñamos menosprezados. A débeda que a nosa cultura contraeu con Xosé María é incalculábel.
Nº 369
264