MONSEÑOR MIGUEL ANXO ARAÚXO (20I1920 / 22VII2007) Andrés Torres Queiruga
O 24 de xullo de 2007 celebrábanse na parroquia salesiana de Ourense as exequias por Mons. Miguel Anxo Araúxo Iglesias. Membro numerario da nosa Academia desde 1978, levaba varios anos retirado, despois de ter sido aceptada por motivos de saúde a súa dimisión como bispo de Ferrol. Nacera en 1920 e fora consagrado bispo en 1970. Galeguidade Non pertencía por casualidade á Real Academia Galega, igual que non fora casualidade a discordia civil coas autoridades predemocráticas xa na mesma cerimonia litúrxica da súa consagración episcopal. Fillo de nai labrega e de pai emigrante, quixo desde o primeiro momento deixar constancia de que el era un bispo galego en Galicia. Uns versos do seu irmán Amando, tamén sacerdote, foron o desencadeante principal:
Galicia crucificada, todo o corpiño a sangrar polas feridas das rías os cravos de pés e mans. Xungue o seu sacrificio co de Cristo no Altar, e agarda ó terceiro día pra con El resucitar.
Escándalo para uns, eran nel un signo evanxélico que marcaría a dirección do seu episcopado. Iría explicitando máis tarde a súa decisión, fundándoa, de maneira xusta e explícita, na lei fundamental do cristianismo: a encarnación na vida real. No nivel máis espontáneo, aclarouno en diversas ocasións. ?Si lle falo á miña nai ou lle falaba ao meu pai en galego, esa mesma lingua tenme que servir para falar con Deus que, ao cabo, é o noso pai tamén?, dicíalle a Víctor Freixanes en 1976 (Unha ducia de galegos). Confirmaríao anos máis tarde: ?A miña galeguidade xúlgoa normal, corresponde a toda persoa nacida en Galicia [...] Pero ser galego e non exercer de galego, polo menos para min, sería unha esquizofrenia mental e cordial. E aínda máis, para un cristián sería ou é un pecado contra o misterio da encarnación? (Memoria de vida, 1993). Non era unha improvisación, debida acaso ao entusiasmo inicial da nova etapa. Obedecía, pola contra, a un estilo asumido e asimilado no seu labor de formador de seminaristas, no seu traballo pastoral e nas súas colaboracións xornalísticas. Proba e confirmación excelente foron as súas fondas e cordiais amizades, nun tempo de creación auro295 Nº 369