BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
clasificación, emprego e interpretación; e ao cabo, senlleira, a cista de Atios, nas súas queridas gándaras de Budiño, correspondente a unha das facies culturais da nosa prehistoria máis descoñecida, xácigo que fornecera interesante enxoval, e que viu a luz en 1970 (Álvarez Blázquez, Acuña Castroviejo, García Martínez, 1970). De par, o labor nas institucións, na fundación e inicial andaina do Museo do Pobo Galego, do que foi Vicepresidente, ou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, tentando proseguir no ronsel marcado polo Seminario de Estudos Galegos. Xosé María Álvarez Blázquez non chegou a formar parte desta última institución, que tanto e ben fixo pola definición e modernización de Galiza, pese a que denantes do alzamento, que ignominiosamente acabaría co centro, xa tiña publicado un breve artigo arqueolóxico sobre do castro da Guía, en Tui, na revista Tude do Instituto desta vila (Álvarez Blázquez, 1935), realizando algunhas prospeccións, como as do castro de Cabeza de Francos, na vila natal en 1933 e a do castro de San Xoán de Baión, en Arousa, en 1934, cuxos textos redactados en 1948 e 1934, respectivamente, permaneceron inéditos até este ano conmemorativo (Álvarez Blázquez, en Méndez Quintas, 2008: 245252 e 209218). Mención especial débese facer da recadádiva de útiles paleolíticos e mesolíticos na comarca de Tui, baixo a dirección de D. Manuel Fernández Costas, útiles destinados ao museo escolar que se instalara no Instituto de 2º Ensino. Pero se ben non ingresou no SEG, o seu traballo inscríbese na tradición que caracterizou a moitos dos homes que o integraron: levar a termo o seu labor abranguendo varios eidos do saber e que Otero Pedrayo xustificaba, por razón do momento e da precariedade da investigación precedente, na premente necesidade de estudar e desvelar a formación histórica de Galiza e a súa identidade, como elementos chave para toda reivindicación. A esta tarefa dedicou o seu afán aquel centro benemérito e nesta liña o fixo o noso autor, quen habería traballar na arqueoloxía, historia, etnografía, biblioloxía, e tamén destacadamente na creación literaria e no activismo cultural, igual que non poucos ilustres membros do Seminario. O polígrafo que foi Filgueira Valverde, conspicuo representante desta tradición, fixo un acaído retrato:
Xosé María Álvarez Blázquez o mesmo andaba a excavar unha estación paleolítica ou unha cista do Bronce, que salvaba do lume un arquivo, descubría un inédito trascendente, rexía unha librería, montaba unha editorial, dirixía unha colleita de publicacións para o pobo como non houbo outra, escribía o guión dun filme, estrenaba unha peza de teatro, lanzaba unha fermosa novela, daba unha lección maxistral, xogaba cos nenos, parolaba con todos e cantaba na liña da nosa máis inxel tradición lírica, tan afeito ó trato cos poetas dos ?Cancioneiros? que podía compor ?cantigas de amigo? que graves eruditos tomaban por auténticos froitos de medievo (Filgueira Valverde 1987: 397).
Un quefacer polifacético, manifestado xa na xuventude e que foi conformando ao longo da súa vida unha importante obra, que pode cualificarse de diversificada, que non dispersa, como ten salientado con acerto Álvarez Cáccamo (2008: 176).
Nº 369 134