Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
7.3.2 Asuntos sociais As axitacións campesiñas do primeiro terzo do século XX quedaron asentadas no cantigueiro (Este pandeiro que toco / é de coiro de xuez / escribano?) (CPLB 236, 375), e aquí na c. 1146 (Este pandeiro que toco / por moito que o repenique / non teñas medo que o rompa / que é de coiro de cacique... é de coiro de xuez / ...escribano?). A loita contra os impostos (Foi o 'consumo' un dos trabucos que pior recibiron os nosos campesiños) (CPLB 241, 418) e que aflora nas c. 1292 (Miña meniña da ialma, / ben sabes que eu presumo / que me hei de casar contigo / se é que baixan o consumo) e sinala paralelos nas cs. 76, 1078, 1092. Anota para a historia nomes de persoas que quedaron na memoria popular. Tal é o caso de Tomás das Congostras, un ladrón célebre no XIX que intentou roubar na reitoral de Lobeira cantando a c. 12 (A canteira está ben dura / e témola de arrombar / iá ama do señor cura / 'la tenemos de matar' (CPLB:29) mentres el e maila súa xente trataban de abrir un burato na parede pero o cura acordou e escorrentounos a tiros; pero, cando o cura foi para San Mamede de Grou, asaltouno outra vez e desta volta cortoulle as orellas dicindo ¡Eiquí non estamos en Lubeira, señor abade! (CPLB:199, 6). Este Tomas polo visto era tan bo mozo que, cando en vista dos seus delitos a raíña de Portugal deu orde de capturalo e matalo, decapitárono e leváronlle a cabeza á raíña, e ela disque dixo que ¡Se soubera que era tan bo mozo, non o mandaba matar! (CPLB 257, 598). Tamén é o caso dos gaiteiros da Gudiña e da Martiñá, sonados no comezo do século XX, que aparecen na c. 1650 (O gaiteiro da Gudiña / e máis o da Martiñá / andan en pleito co vento / e non sei quen gañará) (CPLB 252, 538). O drama da emigración, co diñeiro emprestado para pagala viaxe contra hipoteca dos bens que, remataba en quedar case sempre o emigrante sen as terras que dera como garantía (CPLB 224, 241) aparece na c. 745 (Dende que fuches a Cuba / quéreste dar moito tono / e por malas lenguas sei / que o estás debendo todo). A emigración aínda pode ter outro remate dramático: o rexeitamento se o emigrante volve con diñeiro e non segue sendo o de sempre, coma na c. 2201 (se quixera mozo / tiña máis de ún, / pero de *pajilla / non quero ningún) alusivo ó sombreiro de palla que traían algúns da América. 7.3.3 Oficios: sardiñeiros, arrieiros, segadores... Describe o trato do sardiñeiro, que practicaba xente que no verán ía pola mañá cedo recollelo peixe á estación de Frieira (liña VigoOurense), é dicir, 60 kms pola serra do Leboreiro entre ida e volta, para despois ilo vendendo polas aldeas, comentando a c. 62 (Agora que me trocaches / has de ter moito diñeiro; heite de meter no trato, / no trato do sardiñeiro) (CPLB 200, 29). Fala do vello oficio dos arrieiros, hoxe substituído polo de camioneiros (CPLB 211, 117), cando comenta a c. 205 (Arrieiros, os de Calvos, / que pasades pola estrada, / tende coidado coas bestas / no lugar de Fontarcada); e da mala sona dos xastres (CPLB 270, 738).
111 Nº 365