Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
que foi el quen verdadeiramente puxo en práctica esa metodoloxía destinada ao estudio da xeografía antiga de Galicia, aproveitando para iso a información que fora recollendo nas dúas viaxes por terras galegas nos anos 1745 e 1754: datos topográficos, topónimos actuais e medievais, inscricións, restos de vías romanas, pontes e vestixios de poboacións antigas, etc. Longo sería de tratar aquí os resultados desas pescudas, pois os seus escritos están ateigados de reflexións acerca da xeografía antiga de Galicia. Abonda con dicir que el concibía este eido de estudio como unha peza importante dentro do proxecto de realizar unha completa e exacta descrición xeográfica de Galicia, a cal debía incluír non só a topografía e a toponimia, senón tamén a Historia Natural e as antigüidades, como se puña de manifesto no Problema Chorográfico para describir a Galicia con un nuevo método. Neste sentido, os coñecementos directos adquiridos sobre o terreo da topografía, da lingua, das plantas ou dos restos materiais do pasado eran o requisito primordial para acadar unha certeira noción da xeografía antiga e da actual. De aí que se amosase tan crítico cos resultados dos predecesores, especialmente co que fora cronista do reino de Galicia, Huerta y Vega, a quen acusaba de descoñecer o idioma galego, a topografía e maila toponimia do país (é dicir, as bases esenciais para poder examinar con éxito a xeografía antiga). Canto á postura de frei Martín Sarmiento verbo da orixe do cristianismo en Galicia cuestión esencial das antigüidades galegas, sinalar soamente que sobre ela pouco quixo dicir, sen dúbida como reacción en contra das fábulas que aínda nos seus días inzaban nas antigüidades eclesiásticas hispánicas como resultado de antigas tradicións e dos máis recentes ?falsos cronicóns?. Sen dúbida el admitía como un feito histórico certo a predicación do apóstolo Santiago na Península, así como a presencia do corpo santo en Compostela, respectando así a tradición secular. Porén, non admitía moitas das lendas relixiosas acerca de santos e de mártires galegos que achaban un lugar senlleiro nas Historias de Galicia dos autores anteriores e mesmo nas dos contemporáneos. Na súa opinión, Galicia tivo moi poucos mártires, xa que a penas sufriu as persecucións contra os cristiáns dado a posición arredada que ocupaba dentro do Imperio romano. Como despois fixo Henrique Flórez, Sarmiento estaba disposto a admitir as tradicións relixiosas que el coidaba máis seguras e venerables como a do apóstolo Santiagoasemade refugaba aquelas baseadas en falsidades aparentes e nos ?falsos cronicóns?. Polo demais, este achegamento crítico ás antigüidades eclesiásticas galegas inspirábase no labor ?purificador? das lendas relixiosas que encetaran os bieitos de SaintMaur con base nunha observación minuciosa das fontes auténticas (método que con toda seguridade contaba coa aprobación do bieito galego). Concluíndo brevemente este apartado, pódese dicir que Sarmiento seguía en xeral o esquema das antigüidades galegas trazado durante as dúas centurias anteriores: a saber, os primeiros poboadores chegados dende Oriente e logo a sucesión de gregos, fenicios e cartaxineses, celtas e romanos. Se ben nalgúns casos tan significativos como o dos primei155 Nº 363